Temas: FORESTAL RAG MONTE

'Deseucaliptización', a Palabra do Ano 2018

Os termos 'feminismo', 'sororidade, 'fariña', 'apoderamento' ou 'fascismo' foron outros dos máis votados na iniciativa promovida polo Portal das Palabras, un proxecto web da RAG e a Fundación Barrié.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

O termo 'deseucaliptización' foi escollido Palabra do Ano 2018 logo de acadar a maioría absoluta na votación promovida no Portal das Palabras. Dos 5.724 votos rexistrados, esta verba xuntou 3.114 apoios cos que se impuxo ás outras cinco palabras finalistas: 'feminismo', 'sororidade', 'fariña', 'apoderamento' ou 'fascismo'.

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM

A iniciativa de elixir unha palabra do ano provén do Portal das Palabras, un proxecto web impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié que ten como fin divulgar o léxico galego. Neste caso, o seguimento da proposta superou os cinco milleiros de votos.

A preocupación pola xestión do monte deixou pegada nesta elección. E é que a palabra gañadora alude "ao proceso de recuperación da masa forestal autóctona", nun momento no que "a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento social", segundo explican dende a organización promotora.

Xa o ano pasado estivera presente esta inquedanza no certame do Portal das Palabras. Daquela, fora co termo oposto: 'eucaliptización'. Malia que ningunha das dúas aparecen recollidas no dicionario da RAG, "axústanse ás regras de formación de palabras propias do noso idioma" ao engadir un sufixo ao substantivo 'eucalipto' para convertelo en verbo e logo sumarlle o prefixo 'des-' con sentido de negación ou privación.

'Feminismo', con 1.032 votos; 'sororidade', con 641; ou 'apoderamento', con 316, foron outras das verbas que se coaron entre as máis apoiadas e que reflicten que este foi un ano repleto de reivindicacións pola igualdade de xénero. Tamén 'fascismo' ou 'fariña' estiveron entre as máis votadas.

DE ONDE VÉN O TERMO 'EUCALIPTO'?

'Eucalipto' fai referencia a un xénero de árbores orixinarias sobre todo de Australia e que se incorporaron á flora europea nunha época relativamente recente. A Galicia chegaron a través do frei Rosendo Salvado, que se instalara en Nova Nursia co gallo de evanxelizar aquelas terras.

O termo 'eucalipto' nace da man do botánico francés Charles-Louis L'Héritier, quen no século XVIII denominou Eucalyptus obliqua á árbore que chegou ao British Museum proveniente da expedición do capitán James Cook. O prefixo 'eu-', que significa 'ben', e 'kaliptos', que significa 'cuberto', son as bases gregas sobre as que pivota a palabra. Así, Eucalyptus quere dicir, literalmente, 'ben cuberta', en referencia á cápsula das súas flores; mentres que oblicua fai pensar na forma das follas cando son adultas.

Temas: FORESTAL RAG MONTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta