Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2018 | Actualizada ás 18:45
A Concellaría de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña abriu este sábado a recepción de propostas para a licitación do servizo para desenvolver os orzamentos participativos para 2019, cos que o goberno local buscará "unha implicación máis plural e diversa" dos veciños. Así o explica a edila Claudia Delso, quen erixe a este programa, que xa vai pola cuarta edición, nunha iniciativa "estrutural" para a cidade.
"O obxectivo da administración debe ser manter viva unha ferramenta que facilite as relacións e abra novos espazos que favorezan unha participación máis ampla e activa da veciñanza", expresa. O contrato da organización dos orzamentos participativos, ao que se destinarán un total de 81.818,13 euros --30.000 máis que na anterior edición--, suporá a "coordinación da execución" do programa, así como de "todas as accións e iniciativas que se celebren" ao longo das catro fases: informativa, de apoio, de avaliación e de votación final.
Entre os servizos que se deberán prestar, inclúese tamén a dinamización en momentos puntuais a través de eventos que permitan visibilizar as propostas e facilitar a participación telemática da poboación. O prazo de presentación de propostas iníciase este sábado e manterase aberto ata as 14,00 horas do próximo 14 de xaneiro de 2019.
PLAN LITORAL DA CORUÑA
A praza da Fábrica de Tabacos da Coruña acolle desde este sábado a estrutura arquitectónica que albergará a actividade de Tribuna Pública, coa que o goberno local de Marea Atlántica pretende implicar á cidadanía na recuperación dos peiraos interiores da Coruña. O alcalde, Xulio Ferreiro, acompañado da concelleira de Participación, Claudia Delso e do edil de Culturas, José Manuel Sande, visitaron durante a mañá o espazo, que contará cun acto de apertura institucional en xaneiro, momento no que se iniciarán as actividades.
Durante os próximos mees, a iniciativa traballará con diversos axentes sociais, asociativos e culturais da cidade, "tanto independentes como vinculados ás estruturas de goberno e do ámbito institucional e educativo, para xerar un programa continuado de debates abertos e de eventos de carácter cultural". No pavillón temporal instalado na praza da Fábrica de Tabacos desenvolveranse catro áreas de traballo fundamentais: urbanismo, ciencia e medio ambiente, memoria histórica e cultura.
As primeiras actividades serán o segundo fin de semana de xaneiro. O xoves 10, a doutora en Bioloxía Leticia G. Becker impartirá a conferencia 'Recuperación da memoria ambiental'. Ao día seguinte, en horario vespertino, proxectarase o documental 'Esquece Monelos', dirixido por Anxos Huerta. O sábado 12 terá lugar unha ruta pola antiga canle do río Monelos, guiada por Leticia G. Becker, e un concerto da banda coruñesa Romande. En febreiro, Tribuna Pública acollerá as presentacións do cinco proxectos gañadores do concurso de ideas sobre o bordo litoral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.