Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2019 | Actualizada ás 11:46
As Brigadas Deseucaliptizadoras queren que o termo "deseucaliptización" sexa algo máis que a Palabra do Ano 2018. Por iso, estrean a tempada cunha actuación no Monte Veciñal en Man Común de Amoedo (Pazos de Borbén - Pontevedra). Arredor de 40 persoas voluntarias participarán alí na intervención prevista para este sábado 12 de xaneiro, centrada en deseucaliptizar o entorno da Senda Arqueolóxica de Amoedo.
Se ben as zonas que contempla esta iniciativa se enmarcan nunhas 30 hectáreas, desta vez poñerase o foco na Senda Arqueolóxica, unha ruta establecida dende o 2011 e que pon en valor máis de 80 petróglifos e 20 mámoas.
As parcelas que serán obxecto da intervención están situadas fóra dos núcleos de poboación e caracterízanse por presentar un terreo chan ou con desniveis suaves, na súa maioría. O estado actual destas áreas é de “semidesertificación”, segundo sinalan dende Verdegaia, colectivo ecoloxista que organiza esta xornada. Aseguran que se observan altos niveis de erosión nalgúns puntos, ou de monte raso noutros, debido aos incendios de 2017 que alimentaron os danos que xa sufrira a mesma Comunidade cos lumes no 2006.
Dende a asociación lamentan que o peor destes incendios é que os eucaliptos se expanden con forza polas zonas onde antes non había ou escaseaban, posto que "no 2006 xa se realizara unha retirada desta especie invasora-pirófila-pirófita" dos montes de Amoedo.
REFLEXO DO PATRIMONIO
As zonas comprendidas entre Cepeda e Amoedo -que abranguen a bacía húmida de Valongo e As Laghoas entre os montes da Serra e o Buxel- así como as chás e outeiros dos montes do Pedroso e do Espiño -con lugares como A Matanza, A Rabadeira, Veighiña Longa, Léghoa Seca ou o Regheiriño polo norte- representan un valor arqueolóxico e natural extraordinario. Entre os elementos etnográficos destacan tamén o Foxo do Lobo no río Alvedosa e un grupo importante de construcións do ciclo da auga: pozas, regos, levadas, muíños, lavadoiros e fontes. Todos eles son un reflexo da organización do complexo rural agrogandeiro galego tradicional, "que parece non ter solución de continuidade neste novo século", din dende a organización.
Despois da comida de albaroque, e se o tempo acompaña, realizarase un roteiro pola propia senda arqueolóxica para descubrir o importante patrimonio que acolle. Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 8 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.