Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2019 | Actualizada ás 22:00
A pasada semana publicouse unha reportaxe sobre a doenza de Lyme ou borreliose. Dita reportaxe creou un debate arredor da doenza e as súas vías de transmisión. Debido a isto, Galicia Confidencial contactou con Enrique Míguez, responsable da Unidade de Enfermidades Infecciosas-VIH do CHUAC. A intención non é outra que aclarar algúns puntos que puideron quedar sen suficiente tratamento o pasado día 3 de xaneiro.
-Que é a borreliose ou enfermidade de Lyme?
A borreliose é unha doenza que ten unha incidencia maior en Centroeuropa. Transmítena bacterias do xénero Borrelia. Estas bacterias infectan ás carrachas que se hospedan nos cervos, os hospedadores ideais. As carrachas están no campo, pero non falamos das grandes senón das pequenas, que son difíciles de ver. Crávanse á nosa pel e ten que pasar un espazo de tempo longo para infectar a un ser humano, normalmente vinte e catro horas. A enfermidade de Lyme transmítea a Borrelia Burgdorferi, aínda que se describiron máis Borrelias que poden producir algo semellante. Cando se celebrou o Europeo de Fútbol en Austria, había medo entre os xogadores españois de que puidesen infectarse.
-E se falamos da súa introducción nos nosos montes?
Vaise introducindo fundamentalmente cos corzos, aínda que non é un hospedador ideal. Segundo vai avanzando, así se vai estendendo a enfermidade. En Lugo hai un estudo da Facultade de Veterinaria cun número elevado de carrachas infectadas por borrelia.
-Isto quere dicir que dos corzos ou cervos, as carrachas poden pasar ao gando que hai no monte?
Non, ás persoas. Digamos que hai animais que son ideais, como os cervos. Logo hai animais que non serían os idóneos. Así as carrachas quedan no chan e non van á cabana gandeira, senón que se transfiren ás persoas.
-Como describiría a doenza de Lyme?
É unha grande simuladora. Isto quere dicir que podería dar todo tipo de síntomas podendo simular varias enfermidades. Hai que ter un alto grao de sospeita e unha boa análise microbiolóxica. O problema é que a moitas persoas pódeselles diagnosticar erradamente a doenza de Lyme. Os síntomas encaixan con moitas enfermidades, o problema está en que a esa persoa lle xeran falsas expectativas. Hai situacións agudas e crónicas. As agudas responde ao tratamento, pero as crónicas podemos curar a enfermidade pero non as lesións derivadas da mesma.
-Aínda así, existen síntomas que puidesen delatar a presenza da Lyme ou borreliose?
Podería ser que cando nos pica unha carracha, podemos ter unha lesión de forma circular arredor do lugar da inoculación. Isto vai relacionado a unha dor de tipo neurítico. Ese sería o diagnóstico máis detectable.
-Que tratamentos existen para enfrontar esta enfermidade?
Vacinas aínda non existen. Existen algunhas vacinas para algunhas infeccións víricas, pero a Borrelia é unha bacteria. O tratamento é antibiótico de catorce a vinte e oito días. Logo aconselláranse tratamentos máis prolongados, de mesmo catro meses, pero non se demostrou que fosen máis efectivos que os de catorce ou vinte e oito días.
-Que antibióticos se usan?
Nas fases agudas antibióticos intravenosos e tamén orais en tratamentos máis prolongados que xa dixen que son cuestionables.
-Como condiciona esta enfermidade a vida de quen está infectado?
Todo depende das lesións que lle produza. Se se diagnostica en fases temperás, pode curarse probablemente sen consecuencias. Pero se xa ten unha alta evolución da enfermidade, podo curarlla pero as lesións non podo facerlles nadas.
-Que consecuencias pode deixar nunha persoa?
Normalmente afectacións de tipo cardiolóxico e neurolóxico. Como é unha grande simuladora pode dar todo tipo de lesións.
-Os factores climáticos inflúen na expansión da doenza de Lyme?
Non. Todo depende de se as carrachas estean infectadas ou non. Pola zona de Lugo si se detectou unha presenza máis destacada, pero por exemplo na provincia da Coruña non, polo momento non.
-Que métodos de prevención se poden ter?
A prevención consiste en revisarse. Por exemplo, en reunións con cazadores dígolles que se revisen uns a outros para retirar as carrachas. Nos países nórdicos os nenos cando van de excursión aprenden a revisarse uns a outros. Por iso é mellor ir con pantalón longo, e sobre todo revisarse. A medida máis eficaz é que a carracha non quede pegada ao meu corpo. Non deben queimalas con cigarros, porque así inoculan máis cantidade. Se se quitan, é moi difícil que me infecte. O ideal é quitala de maneira pouco traumática. Os cazadores levan pinzas para retiralas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.