Por Silvia López | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 14:00
Hai, nas gorxas femininas, un berro atravesado que afoga ao non ser emitido. Hai realidades acaladas que nos estoupan os oídos se facemos por escoitalas. As voces baixas das mulleres do rural –aquelas que ben poderían dar título a outro libro de Manuel Rivas cheo de rabia e indignación– semellan non ter a mesma intensidade sonora ca aqueloutras máis próximas ás cidades. No mundo rural tamén hai, por desgraza, casos de violencia de xénero aos que non se lles presta a mesma atención nin os mesmos recursos económicos ca nos ambientes urbanos: unha menor autoconciencia, unha visibilidade máis baixa e un maior estigma social son os ingredientes que rematan por darlle forma a esta cuestión.
Á falta de estudos da Administración pública que afonden alén das cifras, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) realizou o ano pasado unha enquisa pola súa conta –pero coa colaboración de profesionais da área de violencia de xénero e unha empresa demoscópica– para analizar a percepción que se ten no rural sobre esta lacra. Os resultados son preocupantes.
Segundo unha enquisa de Fademur, 6 de cada 10 mulleres saben dalgún caso de violencia machista na súa contorna próxima.
Segundo esta investigación baseada nunha mostra de 3.000 donas, o 59’73% coñece de primeira man algún caso de violencia machista. É dicir, case seis de cada dez mulleres teñen contacto con algunha situación deste tipo. Delas, só consta que se denunciaran dúas de cada dez. A maiores, case un 45% das enquisadas non foi quen de identificar a definición de violencia de xénero.
“Estamos falando dunha incidencia moito máis elevada do que nos parece, ademais de moi silenciada”, comenta Rosa Arcos Caamaño, presidenta de Fademur en Galicia. “Hai un problema conceptual” e achaca ese descoñecemento a unha “falta de información”. De feito, tan só unha porcentaxe moi pequena dicía ser coñecedora dalgunha campaña informativa arredor deste tema. Aínda máis: aquelas que si que sabían desas iniciativas non se sentían identificadas ou reflectidas. “Teñen a sensación de que iso non vai con elas”, apunta Rosa Arcos, “non se senten interpeladas”.
REPARTO “DESIGUAL” DOS RECURSOS
Nada máis lonxe da realidade. Os datos que manexa o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPG) revelan que esta problemática non lles é allea, se ben é certo que existe un desequilibrio importante entre o número de denuncias presentadas nas cidades e fóra delas. Vigo e A Coruña, os dous únicos partidos xudiciais que posúen un xulgado exclusivo de Violencia sobre a Muller, suman o 38% da totalidade de denuncias interpostas, a pesar de que non representan máis ca o 25% da poboación galega.
As persoas que residen fóra das urbes “acaparan un pouco máis da metade da poboación e menos da metade das denuncias. Iso non ten ningún sentido”. Quen fai esta valoración é Paz Filgueira, ex titular da sala de Violencia contra a Muller de Vigo e actual responsable do Xulgado de Familia nº 12 nesa mesma cidade. Fai, aínda así, unha concesión: as cifras están un pouco máis repartidas ca hai dous anos. No 2015, as cidades olívica e herculina reunían o 50% de todas as denuncias.
Esta diferenza tan marcada entre un contexto e o outro pode explicarse polo desigual reparto de medios orientados a loitar contra esta violencia na Galicia non urbana. “Non hai información, non hai recursos nin acceso a eles, non hai alicientes”, afirma a xuíza Filgueira. Cumpriría unha análise e un seguimento profundo para identificar as necesidades e prioridades como primeiro paso para atallar o problema. “Interesa? Seguramente non. Iso significaría ter que poñer máis medios económicos”, sostén Paz Filgueira, quen critica que as mulleres non sexamos unha parte verdadeiramente relevante da política pública.
“As mulleres no rural non teñen ningún incentivo para poñer unha denuncia, senón todo o contrario”
UNHA ESTRUTURA SOCIAL PROPIA
A maxistrada e a presidenta de Fademur coinciden en que as relacións sociais e xerárquicas no ámbito rural son moi distintas ás que se dan nas cidades. Sendo así, requiren de tratamentos específicos que inclúan tanto unha “perspectiva de xénero” como unha “perspectiva de territorio”, segundo reclama Rosa Arcos.
O propio funcionamento das familias “é diferente”, opina Paz Filgueira. Moitas veces eses núcleos familiares “fan de bisagra para que non se denuncie, para tapar esa situación”. A rede de apoio –o conxunto desas mulleres ás que acudir en busca de amparo en circunstancias indesexables– vólvese aínda máis feble ca de costume. Rosa Arcos lamenta que “non se fala destes temas coa irmá, coa sogra, coa cuñada...”, á parte de que a ausencia de anonimato tan propia dos lugares máis cativos esperta o receo na vítima á hora de facer visible unha situación machista.
Ver esta publicación en Instagram
Ilustración da artista Iria Ribadomar en repulsa da violencia machista / @iriaribadomar
Paz Filgueira teno claro: “as mulleres no rural non teñen ningún incentivo para poñer unha denuncia, senón todo o contrario”. Xa non é tan só o reparo ao disque-disque, senón a carencia de axudas rigorosas que garantan poder quedar cos fillos. Tal como aclara a xuíza, as prestacións oscilan arredor dos 400 euros ao mes durante un período de entre doce a dezaoito mensualidades, cantidade insuficiente aos ollos de Filgueira.
Co gallo de cubrir as fendas descoidadas polas institucións públicas, a Federación de Asociación de Mulleres Rurais vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación acerca da violencia de xénero no rural galego. 'Fiestras', que así se chama a iniciativa, viaxará por vilas do país para desenvolver un labor informativo e formativo en base a imaxes que se proxectarán a través de ventás.Polo momento, Rosa Arcos agradece a “resposta moi positiva” que está a ter a campaña e salienta a importancia de “tecer redes” entre as mulleres rurais.
“Nós que resistimos / a séculos de forza / nós as matriarcas / dun país dun tal Breogán”, canta a artista Guadi Galego. “E nós pouquiño a pouco / ímonos situando / construíndo barricadas / no país dos alalás”. Á fin, non debe ser outra cousa máis ca iso: os corpos femininos do rural laian diante dun sistema que semella poñelos en mute, pero as voces baixas –xuntas– tórnanse poderosas. Hai vida fóra da cidade, señores gobernadores! E, neste caso, e indignamente, tamén mortes (que non son mortes, son asasinatos).
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Unha protesta pide en Vigo un parque de vivendas público "suficiente e accesible"
- Morre un septuaxenario ao ceder un tellado de uralita en Muíños
- Devolven ao Sergas a licitación de obras de dous centros de saúde por elevada carga de traballo
- Unha veciña de Sandiás entre os españois atrapados na illa de Mayotte polo paso do ciclón 'Chido'
- Os buses urbanos de Pontevedra e A Coruña exhibirán campañas sobre violencia contra a infancia
- A UDC ten a un dos seus docentes entre os mellores de España