Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 02/08/2011 | Actualizada ás 15:56
Tal e como avanzan algúns xornalistas a través das redes sociais e nalgúns blogs, como o do tamén xornalista Santiago Jaureguizar, o xornal propiedade de Jacinto Rey deixarase de editar o vindeiro xoves. Ese día será o último de vida en papel deste medio que nacía o 9 de decembro de 2008.
"Xornal de Galicia é xa un medio disposto a aportar información con criterio e calidade, en clave galega. Nace con vocación plural e independente e ten entre os seus principios fundacionais a defensa dos intereses de Galicia. O diario tamén nace como un medio aberto ás distintas sensibilidades presentes na sociedade galega, nas que observa con atención perspectivas galeguistas e progresistas que, se cadra, precisan ter máis proxección da que teñen". Esta era a folla de ruta do que estaba chamado a ser a gran alternativa dos medios progresistas e galeguistas en Galicia.
Sen embargo, a chegada do PP ao poder na Xunta supuxo un golpe duro para este medio que, desde entón, foi o azoute dos populares e que non recibiu, prácticamente, ningunha axuda institucional. A crise económica mundial veu, finalmente, a poñerlle a estocada a un medio que dirixe María Val e que estivo comandado ata o pasado abril por José Luis Gómez, que foi relevado do seu cargo por falta de sintonía con Jacinto Rey e, sobre todo, polas súa liña informativa crítica co PP.
Peche en vac acións
O peche de Xornal de Galicia chega en plenas vacacións e con moitos xornalistas de días libres e supón o despedimento de moitos dos seus 60 magníficos profesionais que souberon manter, a pesar das críticas duns e dos ataques doutros, un medio digno para Galicia. Desde Galicia Confidencial queremos solidarizarnos cos seus traballadores, como no seu día fixemos tamén cos de Galicia Hoxe, A Nosa Terra ou a Peneira, e desexarlle ánimos nestes duros momentos.
O comité de empresa --integrado polo Sindicato de Xornalistas de Galicia e a CIG-- destaca o esforzo de toda a plantilla e lamenta fondamente esta situación. Nos vindeiros días analizaráse a situación creada tras a decisión da empresa, que foi comunicada na mañá de hoxe.
GC seguirá informando sobre o futuro destes profesionais e as causas do peche dunha nova cabeceira que, aínda que non estaba escrita exclusivamente en galego, potenciaba moito este idoma nas súas informacións. Esta é a quinta cabeceira de corte progresisita, esquerdista ou nacionalista que pecha nos últimos meses tras A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira, GZ Nación e Galicia Hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.