Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 15:40
Máis de 21.000 apelidos contan cun único portador en Galicia, onde o máis común é Rodríguez, con 237.000 usuarios, segundo reflíctese no libro 'Antroponimia e lexicografía', que recolle unha serie de investigacións galegas e estranxeiras realizadas para a elaboración de dicionarios e impulsado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Consello da Cultura Galega (CCG).
Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns apelidos en perigo de extinción, segundo este volume, a cuxa presentación acudiu a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.
O traballo, editado polo membro do ILG e filóloga Ana Isabel Boullón, reúne unha serie de contribucións para a elaboración de dicionarios antroponímicos desde unha perspectiva románica, pero tamén desde unha perspectiva centrada en distintos ámbitos xeográficos.
E é que todos os apelidos e nomes de Galicia son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870, segundo explicou Boullón.
O volume trata as conexións entre a antroponimia e o léxico común e aspectos sobre a antroponimia galega, como a transmisión dos apelidos ou un estudo histórico sobre a parroquia de Berdoias, en Vimianzo (A Coruña).
A filóloga explicou que no dicionario de apelidos galegos, que aínda está a levar a cabo un equipo do ILG, se recollerám aqueles que teñen máis de 30 coincidencias, o que supón unhas 5.800 formas que implican un 97 por cento da poboación galega.
Ademais, afirmou que é un proxecto que "non ten parangón", xa que hai moi poucos dicionarios deste tipo no ámbito hispánico e os que hai "non reúnen os requisitos en canto a rigor etimológico e documentación histórica".
Tamén explicou que para a elaboración do dicionario tiveron que "refugar aqueles apelidos que non son galegos e que non teñen un correlato en galego", xa que un 17 por cento dos apelidos casteláns que existen hoxe en día en Galicia, non derivan da inmigración castelá chegada a Galicia, senón da castelanización que se produciu no século XVI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.