Galicia impulsa unha rede europea de academias de linguas minorizadas

A RAG participa neste acordo no que están vascos, catatáns, frisios e ocitanos e que pretende sumar socios e articular accións conxuntas a prol da diversidade lingüística europea.

Por Galicia Confidencial | Pamplona | 18/01/2019 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans, a Real Academia da Lingua Vasca - Euskaltzaindia, a Fryske Akademy, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana e EURAC - Institute for Applied Linguistics impulsarán unha rede de entidades homólogas, institutos lingüísticos e centros de investigación de linguas minorizadas ou minoritarias no ámbito europeo co propósito de promover o coñecemento e o respecto da diversidade lingüística do continente.

Integrantes da Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans, a Real Academia da Lingua Vasca - Euskaltzaindia, a Fryske Akademy, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitan e EURAC - Institute for Applied Linguistics na sinatura dun convenio para potenciar as linguas minorizadas de Europa
Integrantes da Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans, a Real Academia da Lingua Vasca - Euskaltzaindia, a Fryske Akademy, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitan e EURAC - Institute for Applied Linguistics na sinatura dun convenio para potenciar as linguas minorizadas de Europa | Fonte: RAG

Este é un dos puntos centrais do protocolo de colaboración que foi presentado este venres polas seis entidades no marco do congreso internacional que Euskaltzaindia celebra en Pamplona dentro do programa de actos do seu centenario.

Segundo recolle o texto, a rede que se impulsará procurará o recoñecemento en cada caso, especialmente das academias, como representantes das súas respectivas comunidades lingüísticas ante as institucións da Unión Europea co obxectivo de garantir os seus dereitos e o seu futuro. A RAG confía en que o novo protocolo “facilite ademais avanzar nun posicionamento común que visibilice no contexto estatal a realidade das linguas propias das nacionalidades históricas e poña en valor a diversidade lingüística de España”, resaltou na súa intervención na presentación Henrique Monteagudo.

Entre outras medidas, contémplase tamén o intercambio de experiencias no desenvolvemento de recursos e ferramentas lingüísticas que sexan útiles tanto para as comunidades de falantes como para as investigadoras, e incluso se concreta a posibilidade de traballar nunha infraestrutura dixital que poida ser empregada e adaptada ás necesidades de cada unha das institucións.

A colaboración científica, o intercambio de información, a coedición de publicacións de interese común e a coorganización de xornadas, seminarios e congresos son outras das vías de traballo compartido que as institucións se comprometen a fortalecer.

PARTICIPANTES

O encontro organizado por Euskaltzaindia céntrase no labor dunha das súas seccións, Jagon, que quere dicir coidar, o verbo que resume o espírito do protocolo feito público este mediodía. Entre as voces expertas de distintos países europeos que se deron cita no congreso, participou como relator o sociolingüista e secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

Na presentación do protocolo participaron xunto a Andrés Urrutia, presidente de Euskaltzaindia, entidade promotora do acordo, Henrique Monteagudo en nome da RAG; Joan Argenter, en representación do Institut d´Estudis Catalans; Cor van der Meer, pola Fryske Akademy, que estuda e defende o frisón, falado en territorios dos Países Baixos, Dinamarca e Alemaña; Benoit Dazeas, de Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana; e Elena Chiocchetti, do EURAC - Institute for Applied Linguistics, da rexión italiana do Tirol do Sur, onde se fala alemán, italiano e ladino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Eu desde que estivem no Brasil decidi-me a usar a ortografia que nos permite ler tudo o que se publica no mundo em qualquer idioma no nosso idioma. E animo a que todo o mundo sintonize caneles de televisão, rádio e filmes em português do Brasil. Desta maneira o galego deixará de ser uma língua minoritária porque os galegos falantes teríamos a nossa disposição todos os contidos.