Por Galicia Confidencial | Sabón | 20/08/2011 | Actualizada ás 09:53
Importantes medios internacionais como a BBC ou Telesur e a práctica totalidade dos xornais estatais xa recolleron como o Goberno brasileiro detectou 15 traballadores en condicións similares á esclavitude nun taller en Sao Paolo.
Agora o escándalo aumenta de dimensión. Segundo o Ministerio de Traballo do Brasil detectáronse as mesmas irregularidades en até 33 talleres subcontratados para Zara. O diario O Globo, un dos máis importantes do brasil, cita fontes oficiais para denunciar as condicións insalubres de traballos e os salarios paupérrimos dos inmigrantes ilegais.
No caso dos últimos 15 traballadores "liberados", tiñan xornadas de até 16 horas, entraran no Brasil grazas a mafias de inmigración ás que lle debían pagar parte do seu mísero salario, entre 90 e 130 euros ao mes. Traballaban a penas sen espezo nun taller-vivenda sen as condicións mínimas de salubridade.
A empresa da que dependían chámase AHA. Inditex admitiu que é unha das súas provedoras no Brasil, como tamén proban as etiquetas atopadas nos talleres.
Agora ben, a firma baseada en Sabón teima en que non ten responsabilidade, pois sería AHA a responsábel de cumprir o código de conducta que Inditex di obrigar a asinar a todos os seus provedores. No aire queda a cuestión se a empresa que dirixe Pablo Isla vixía que o contrato non é un simple papel mollado.
O Globo apunta que en maio liberáronse no Brasil outros 52 operarios en condicións de semi-esclavitude. A maioría deles tamén cosía para Zara, neste caso na cidade de Americana.
Zara aínda non emitiu ningunha nota oficial sobre o caso. A maioría dos medios galegos gardaron silencio sobre o escándalo que afecta a unha compañía que gasta importantes cantidades en publicidade en tempo de rebaixas.
Inditex asegurou extraoficialmente que está a colaborar co Estado brasileiro para "evitar que casos como o de Sao Paolo volvan a se producir". Zara tamén asegura que o provedor pagará compensacións aos inmigrantes, na súa maioría bolivianos e peruanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.