Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/01/2019 | Actualizada ás 09:00
Unha petición na plataforma Change.org en contra do actual trazado da A57 acadou case 90.000 sinaturas en dúas semanas nunha iniciativa impulsada polo colectivo Hifas da Terra e que se viralizou nos últimos días. Entre os argumentos utilizados está que esnaquizará zonas que serven de refuxio a unha das últimas poboacións de salmón atlántico ao Sur de Europa, e que destruirá o maior viveiro de produción de castaño micorrizado de Europa, xestionado, precisamente, por Hifas da Terra, un referente en biotecnoloxía a nivel mundial.
Segundo denuncia esta asociación, o trazado da A57 planificado destruirá unha parte importante da riqueza paisaxística, ambiental e cultural de Galicia xa que cortará pola metade os vales dos ríos Lérez e Almofrei, en Pontevedra e "danará pobos, hórreos, muros, preciosas masas de bosque atlántico e tramos de río cun enorme valor paisaxístico".
Hifas da Terra ten na zona afectada polo trazado a base e orixe de toda a súa actividade ecolóxica, de investigación e de innovación no desenvolvemento de Micoloxía aplicada, entre outros ámbitos, á saúde,traendo a médicos e especialistas de todo o mundo a Galicia. "Pero se a A57 segue adiante Hifas da Terra verase obrigada a pechar as súas portas e marchar a outro país. Galicia deixaría de ser un referente neste sector e, ademais, destruiríanse centos de postos de emprego", recolle a petición desta entidade.
AUTOVÍA "INNECESARIA"
Por iso decidiu activar unha petición na plataforma Change.org que dirixe ao Ministerio de Fomento para que paralice a construción desta autovía co obxectivo de salvar a biodiversidade, o valor patrimonial e a integridade da paisaxe de Galicia e tamén a súa actividade comercial. Lémbralle a Fomento que esta infraestrutura "é innecesaria" porque xa existe unha autoestrada (a Vigo-A Coruña), cuxa concesión podería ser rescatada.
"A construción da autovía A57 esnaquiza todo ao seu paso, converte en feo o que toca, os desmontes, os recheos e os alicerces dos viadutos, destrúen os ríos, os helechos e as fervenzas. As súas obras trastornan o fino equilibrio da natureza con horribles sumidoiros, tubos, muros de contención que se encherán de grafitis, substituíndo os nosos bosques por formigón", engade.
Hifas da Terra suliña que a paralización deste proxecto permitirá que o rural continúe sendo atractivo para traballar, evitando o despoboamento do rural. Tamén impulsará un turismo de calidade, como o da pesca. Así, suliña que nesta zona se atopa a última fronteira natural do salmón Atlántico. "Pescadores de todo o mundo virían aos cotos de Pontevedra a gozar dos nosos ríos, para os cales están afeitos gastar grandes cantidades de diñeiro", indica.
Tamén favorecería o turismo rural e as empresas baseadas no medio ambiente pola riqueza que existe de plantas seleccionadas, cogomelos ecolóxicos, algas, pesca de mar e río ou gando ecolóxico. Finalmente, destaca a importancia que ten a zona pola que cruzará o trazado a nivel forestal e que, cunha xestión adecuada, podería atraer a centros de investigación forestal de todo o mundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.