Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 19:10
O pleno da corporación municipal de Vilagarcía de Arousa aprobou por unanimidade unha moción na que insta a tomar medidas "para reverter a imaxe negativa" da vila, creada por mor da emisión de determinados programas e series de televisión relacionadas co contrabando de tabaco e o narcotráfico.
A moción foi impulsada e presentada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN) e aprobada por todos os grupos presentes na corporación vilagarciá (PSOE, PP, BNG, EU, Somos Maioría e un concelleiro non adscrito).
A FGCN considera que a reiterada emisión de programas e de series televisivas relacionadas co tráfico de drogas está a crear, non só en Vilagarcía senón en toda a comarca de Arousa e O Salnés, "unha lenda de permisividade social, riqueza e violencia que non reflicte o ocorrido en realidade na ría de Arousa". O colectivo antidroga apunta que "a historia real foi totalmente distinta".
De feito, engade na moción aprobada que Vilagarcía de Arousa "foi un exemplo para os españois" na loita contra o narcotráfico grazas á loita de veciños do Salnés e O Barbanza.
TERRA DE XENTE HONRADA
O obxectivo desta iniciativa, explica o xerente da Fundación, Fernando Alonso, é tratar de reverter "esa idea que se ten fóra de Galicia de que en Arousa todos somos narcos ou cómplices".
Hai que explicar, agrega Alonso, que a realidade é exactamente a contraria. "Esta é unha terra de xente honrada que precisamente se distinguiu por loitar activamente contra o narcotráfico", deixa claro.
Neste sentido, a Fundación Galega contra o Narcotráfico explica que con esta moción "tamén se busca render recoñecemento á sociedade civil arousá, unha sociedade absolutamente concienciada, e que en tantas ocasións se situou radicalmente en contra do narcotráfico e os narcotraficantes".
Alonso advirte de que "o narcotraficante non é ningún heroe nin ningún filántropo", mentres ao longo das últimas décadas "foi abrumadoramente rexeitado pola sociedade arousá".
"UNHA CHAMADA DE ATENCIÓN"
En termos similares manifestouse o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. Remarca que a moción aprobada é un "acto simbólico, unha chamada de atención" que trata de reflectir unha realidade con frecuencia obviada polos medios de comunicación, "a da loita de Vilagarcía e toda a súa comarca contra o narcotráfico".
O rexedor vilagarcián asegura que agora, con motivo de emisión das series de televisión, se volve falar dos vínculos do narcotráfico con Arousa, "non está de máis render recoñecemento e homenaxe a unha sociedade valente que se enfrontou a esa secuela".
Para Alberto Varela a mellor maneira de reverter a imaxe que asocia a comarca arousá co narcotráfico é "vir a esta terra e ver cal é a realidade actual de Vilagarcía". "Que nada ten que ver", subliña, coa que se reflicte na ficción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.