O exalcalde do PSOE en Monterroso entre 1999 e 2015 irá como independente nas municipais de maio

Antonio Gato, presentará candidatura para as eleccións de maio encabezando a lista "Independentes por Monterroso".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O que fose alcalde de Monterroso durante 16 anos (de 1999 a 2015) baixo as siglas do PSOE, Antonio Gato, presentará candidatura para as eleccións de maio encabezando unha lista independente.

Gato, que militou durante 43 anos no PSOE ata a súa baixa o pasado ano, confirmou que "un grupo amplo de persoas" convidárono ", empuxado" a presentarse "nunha candidatura independente fóra do ámbito dos partidos políticos".

O exalcalde segue así o ronsel doutro histórico do PSOE de Lugo, Jesús Otero, en 2015, que foi subdelegado do Goberno e que tamén se deu de baixa no partido. Otero concorreu ás últimas municipais baixo as siglas de Independentes Terra do Asma que lidera o alcalde de Chantada, Manuel Varela.

Gato puntualizou que a lista se presentará baixo o manto de "Independentes por Monterroso" e aclarou que esta formación independente "está á marxe doutras candidaturas independentes": "Non queremos saber nada desas candidaturas independentes que hai por aí adiante".

Ademais, lembrou que foi alcalde 16 anos "con maiorías absolutas" e sinalou que "agora a xente debeu valorar a xestión" que se fixo en todo ese tempo, polo que volverá optar á alcaldía de Monterroso, corporación que agora preside o tamén independente Miguel Rico, que se fixo coas rendas do concello ante a inhabilitación xudicial de Jesús Otero.

Finalmente, Antonio Gato "non" quixo opinar sobre a situación do partido no que militou activamente (PSOE) os últimos 43 anos. "Non vou opinar sobre unha organización na que estiven 43 anos, abonda con que se saiba que marchei desa organización", subliñou.

Antonio Gato
Antonio Gato | Fonte: Deputación de Lugo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta