Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 20:17
A Dirección Xeral para a Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza solicitou ao alcalde de Beade (Ourense), o popular Senén Pousa, que "acredite a non existencia de simboloxía de exaltación" do franquismo no seu municipio e, no caso de que a houbese, que proceda a retirala.
Así o solicita o ministerio a través dun requirimento asinado polo director xeral para a Memoria Histórica, Fernando Martínez, no que se empraza ao rexedor a cumprir a Lei 52/2007 e a elaborar "o catálogo de vestixios municipal", coa súa "inmediata retirada" dos escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar e represión da ditadura.
Neste sentido, o Ministerio de Xustiza lembrou ao alcalde deste municipio ourensán a intención do Goberno do Estado de ordenar que se retire a simboloxía de exaltación da Guerra Civil e a ditadura "cun procedemento taxado con sancións económicas para o caso de incumprimento".
En relación a iso, nun comunicado, o PSdeG sinalou que este alcalde "insurrecto" leva "máis dunha década incumprindo a lexislación á mantenta", co "consentimento e aplauso do Partido Popular".
"Casualmente, o escrito está dirixido á rúa do Caudillo, xa que a casa do concello deste municipio está situada nesa dirección", engadiron os socialistas.
A Dirección Xeral para a Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza solicitou o pasado 6 de febreiro a 656 concellos, unha quincena deles galegos, a "retirada inmediata" dos vestixios do franquismo que aínda pervivan nos seus espazos públicos e demandou aos gobernos autonómicos que verifiquen "a non existencia de símbolos de exaltación".
En concreto, pediu a retirada en cinco concellos da provincia de Ourense (Beariz, O Carballiño, Melón, San Cristovo de Cea e Xunqueira de Ambía); en cinco de Pontevedra (Tui, Agolada, A Estrada, O Porriño e Campo Lameiro); en catro de Lugo (Lourenzá, Quiroga, Ribadeo e Sarria), así como no municipio da Coruña.
Destacadas figuras do franquismo dan nome aínda a 1.171 rúas e prazas españolas repartidas entre máis de 637 municipios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.