Temas: VIVENDA

300.000 vivendas baleiras en Galicia

Case dúas de cada dez vivendas de Galicia están baleiras. En Porqueira (Ourense) a porcentaxe supera o 40%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

En Galicia hai 1.605.998 vivendas, das cales, 299.301 están baleiras, o que supón un 18,64 por cento do total, segundo datos ofrecidos pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). O concello de Porqueira (Ourense) é o que maior proporción de inmobles desocupados ten de toda a Comunidade, co 40,62% nesa situación.

Vivendas. EUROPA PRESS - Arquivo
Vivendas. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

O informe desagrega os datos por comarcas e por municipios. No primeiro dos casos, A Coruña é a que máis vivendas baleiras ten (35.231, un 15,97% do total), mentres que a de Ortegal é a que rexistra un maior volume de inmobles baleiros: das 10.685 vivendas da comarca, 3.220 atópanse baleiras, un 30,14% do total. É a única comarca na que se supera o 30%.

Se se analizan os datos atendendo ás cifras absolutas por concellos, A Coruña encabeza a lista, con 19.283 casos (un 14,24%). En termos relativos, o municipio ourensán de Porqueira é o que ten unha maior porcentaxe de inmobles baleiros, con catro de cada dez vivendas do municipio están nesta situación.

Se se teñen en conta as denominadas grandes cidades, o concello de Ourense é o que rexistrou, de acordo cos datos de Fegein, un maior volume de vivendas baleiras. No municipio hai 67.105 inmobles, dos cales, máis de 14.500 están baleiros, un 21,7%.

En termos porcentuais séguelle de preto Lugo, cun 20,74% de vivendas baleiras (12.370) e Ferrol, no que o volume é do 19,77% (8.312).

O concello da Coruña é o que máis inmobles baleiros ten, con 19.283, por diante de Vigo, no que hai 18.588. Con todo, no caso do municipio vigués, a porcentaxe é do 12,94%, o que mellor se comporta dentro das grande cidades.

Santiago de Compostela sitúase en quinta posición, con 9.512 vivendas baleiras (16,92% do total); e Pontevedra na sétima, con 6.886, o que supón un 17,40% do total.

En números absolutos destaca o caso de Vilagarcía de Arousa, un municipio que conta con 19.751 vivendas, das cales 4.411 están baleiras, o que eleva ao 22,33 a porcentaxe de inmobles sen ocupar.

EN PORQUEIRA, O 40% DAS VIVENDAS ESTÁN BALEIRAS

O municipio ourensán de Porqueira é o que rexistra unha maior porcentaxe de desocupación: catro de cada dez inmobles da localidade están baleiros.

Na provincia de Ourense é onde se atopan os concellos con maior porcentaxe de inmobles baleiros. Ademais de Porqueira, noutro tres municipios supérase o 35%: Castrelo do Val (38,3%), Melón (37,35%) e Ramirás (35,42%). Ademais, róldase este volume en Rairiz de Veiga (34,96%) e Carballeda de Avia (34,73%).

En canto á provincia da Coruña, a maior porcentaxe de desocupación rexistrouse en Carnota: das 3.3396 vivendas do municipio, 1.162 están baleiras (34,22%). Nunha situación similar atópanse en Cedeira (33,74%), Malpica de Bergantiños (33,74%) e Camariñas (33,03%).

Pola súa banda, en Lugo, só hai un concello no que o volume de inmobles baleiros supera o 30 por cento. É o caso de Foz, no que hai 3.446 vivendas nesta situación dun total de 10.149, o que supón un 33,95%.

Por último, na provincia de Pontevedra, o municipio coa porcentaxe máis elevada rexistrouse na Guarda, no que o 28,33% das 6.307 vivendas da localidade atópanse baleiras, seguido moi de preto por Lalín, cun 28,19%.

NA COMARCA DA CORUÑA HAI 35.231 INMOBLES BALEIROS

Na desagregación por comarcas, en cifras absolutas, a da Coruña é a que máis inmobles baleiros concentra, con 35.231. No entanto, o número supón un 15,97% das 220.675 vivendas totais.

Segue á Coruña a comarca de Vigo, na que 27.497 vivendas das 207.672 que hai en total, están baleiras. En termos porcentuais o volume de desocupación é do 13,24%.

Ourense atópase en terceira posición, con 20.728 vivendas baleiras (21,89%), por diante de Ferrol, con 18.934 (19,97%), Santiago, que ten 15.716 (17,31%) e Lugo, con 13.640 inmobles nesta situación, o que supón un 19,04% do total.

En porcentaxes, a comarca de Ortegal, ao norte da provincia da Coruña, rexistra un 30,14% de vivendas baleiras (3.220 das 10.685) e é a única que supera o 30%. Séguenlle A Mariña Central (Lugo), cun 27.98% de vivendas desocupadas, e Terra de Soneira (A Coruña), cun 26,11%.

Temas: VIVENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

E muitas mais que haverá se segue a tendência atual, hoje são noticia as aldeias abandonados, dentro de moi pouco os serão os bairros, povos e vilas que também serão abandonadas.