Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/02/2019 | Actualizada ás 14:00
A Xunta de Galicia non para de destinar diñeiro aos medios de comunicación. Se hai un día GC informaba de varios concursos convocados a finais do pasado e principios deste ano por varios millóns de euros, a relación de consellerías que convoca novas licitacións millonarias para concursos de propaganda institucional segue aumentando. Unhas cifras que rondan xa os 15 millóns de euros e nun ano, ademais, que ven marcado por tres citas electorais; as xerais adiantadas, as municipais e as europeas.
Aos concursos de Turismo de Galicia por case seis millóns de euros, os case tres millóns de varias campañas da Consellería do Medio Rural, e dous millóns da Consellería do Mar súmanse agora outros 3,5 millóns das consellerías de Infraestrutura e de Medio Ambiente. A esta cantidade hai que sumarlle, ademais, os case dous millóns repartidos a dedo pola Secretaría Xeral de Medios o penúltimo día do 2018. En total, sería xa 16,5 millóns de diñeiro público xa licitado ou por licitar.
Así, estes 3,5 millóns repartense entre dous departamentos. A Consellería de Infraestruturas prepara un gran acordo marco do servizo de elaboración, produción e plan de medios das campañas de promoción dos ámbitos competenciais atribuídos a este departamento e as súas entidades adscritas durante 2019 e 2020, por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada, cun único empresario para contratar (anticipado de gasto). En total, o concurso sería de 2.479.338,84 euros con IVE
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente tamén convocou dous concurso por un valor total de un millón de euros. Así, destinará 800.000 euros para o desenvolvemento dunha campaña de comunicación para a difusión e divulgación social en materia de paisaxe en Galicia durante 2019 e 2020. O outro concurso de 210.617, 93 con IVE para o servizo de deseño e execución das campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental na rede de parques naturais de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%.
A maior parte deste diñeiro vai parar aos grandes medios de comunicación, principalmente, ás familias mediaticas galegas. Destaca no reparto a importante cantidade que recibe o grupo Voz de Galicia que soe levar a metade do diñeiro das campañas da Xunta. O seguinte medio sería Faro de Vigo e despois os grupos El Progreso de Lugo e La Región de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.