A Deputación de Pontevedra converterá o Museo Provincial nun organismo autónomo cun consello asesor

"Queremos contar cunha institución áxil, eficaz, transparente e, sobre todo, independente", di o deputado de Cultura.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 05/03/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra converterá o Museo Provincial nun organismo autónomo que contará cun consello asesor, tal e como anunciaron este martes o vicepresidente da entidade, César Mosquera, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que compareceron para anunciar as novas formas organizativas do Museo de Pontevedra.

Xosé Leal explicou esta proposta, que "vai ter unha importancia capital nos próximos 10 anos" e que está encamiñada a "abrir o Museo de Pontevedra á sociedade" e convertelo en "un organismo que, lonxe de ser hermético ou nesgado con respecto ao tecido cultural", signifique a entrada nel de "todos os sectores" para que sexa "acorde ao século XXI".

Despois de iniciar o proceso coa convocatoria da praza de Dirección e da Xefatura de Xestión, agora a Deputación dá un novo paso para que o Museo sexa un organismo autónomo "no que se articule a participación da sociedade" para contar cunha institución "áxil, eficaz, transparente e, sobre todo, independente".

Para iso, o deputado de Cultura anunciou a apertura do proceso participativo aberto para a elaboración duns estatutos para este "gran colector cultural", que estarán "adaptados ao que a sociedade quere" e que permitirá, segundo asegurou, "que este sexa un Museo máis de todos". Nestes estatutos incluirase a figura dun comité asesor técnico.

Pola súa banda, César Mosquera resumiu que, con esta iniciativa, o que se busca é "recuperar a autonomía do Museo" e situou no pleno de maio a aprobación inicial destes estatutos.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta