Homenaxe ás primeiras condutoras galegas que precisaban do permiso de pais e homes para conducir

As asociacións RíoMola e ANEL, xunto co propio Concello de San Xoán de Río, organizan este orixinal acto para conmemorar o día 8 de marzo.

Por X.M. Fernández | San Xoán de Río | 07/03/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

En San Xoán de Río tamén se apuntan a celebrar o Día Internacional da Muller, e fano dun xeito moi especial lembrándose das veciñas que sacaron o carné de conducir cando para obtelo era precisa a autorización do pai ou do marido.

Cartel do acto
Cartel do acto

Un Real Decreto de 1918 establecía os criterios para poder conseguir o permiso de conducir que, á marxe dos de capacitación teórica e práctica, esixía para menores de idade e mulleres a autorización paternal ou marital de forma expresa e formal.

Nun comunicado que fan os organizadores deste acto lembran, por exemplo, que a Duquesa Anne d’uzes foi unha das pioneiras en obter o permiso de conducir alá polo ano 1898 e que a primeira española foi a leonesa Catalina García González, de Puebla de Lillo que sacou o carné en 1925. Na condución de camións a primeira en España foi a galega Celia Rivas en 1932.

A Asociación Cultural RíoMola e a Asociación de Mulleres ANEL, impulsoras desta acción xunto co Concello de San Xoán de Río, indican tamén no seu manifesto que cada vez son máis as mulleres que conducen pero o que hoxe é habitual e común non deixa de ser así grazas a pequenas conquistas das mulleres despois de moito tempo de esforzo e reivindicacións. 

E engaden “unha conquista que evidencia, unha vez máis, a importancia de tomar conciencia da necesidade de avanzar pola senda da igualdade. En pleno  século XXI parece que nos sorprendemos ante noticias recentes como as referidas a que só desde o 2018 as mulleres de Arabia Saudí poden obter o permiso de conducir. Mais, se facemos un exercicio de memoria, ¿convídanos a nosa propia historia a sentir un orgullo triunfalista? Non tanto, sobre todo se pensamos que non foi até 1975 cando as mulleres casadas deixaron de ter que pedir permiso aos maridos para conseguir, entre outras cousas, o carné de conducir. Non hai nin 45 anos”.

Actividade faimliar organizada pola Asoc. Río Mola o pasado mes de xaneiro
Actividade faimliar organizada pola Asoc. Río Mola o pasado mes de xaneiro

O acto terá lugar este venres ás 18:00 h. na Praza do Concello, aínda que se contempla facelo no Salón de Plenos da Casa do Concello se a meteoroloxía non acompaña. A día de hoxe contan con dúas homenaxeadas, Angelines e Nair, que sacaron o carné nos anos 60. Tras unhas palabras dos organizadores, contarán a súa experiencia e recibirán un detalle conmemorativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Moi interesante.