Alertan de que "o sexo depredador e a cazaría nocturna" son parte do lecer dalgúns mozos

Expertos coinciden en Ourense en sinalar "a falta de educación sexual no ámbito académico" como unha das súas causas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2019 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

Expertos advertiron este martes nunha xornada en Ourense de que "o sexo depredador e a cazaría nocturna" convertéronse en parte do lecer dalgúns mozos. Así, os relatores da 'Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade', celebrada este martes na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Ciencias da Eduación do Campus de Ourense, apelaron á reflexión sobre as novas manifestacións de violencia machista, ligadas ao neomachismo, e a presión que a violencia sexual exerce sobre as mulleres que teñen medo de identificarse como vítimas, explicaron.

Os cinco acusados da Manada
Os cinco acusados da Manada

Precisamente este evento, aberto a toda a comunidade educativa, puxo o foco na educación sexual. O sociólogo e presidente da Fundación Iniciativa Social, Hilario Saéz Méndez falou do "fenómeno das mandas". "As novas manifestacións de violencia machista beben do porno, non é casualidade que a maioría de prácticas deste tipo se leven a cabo en grupo e sexan habituais na pornografía", sinalou.

Tamén quixo lembrar que, a pesar de que "a cultura da violación existiu desde sempre", é certo que no presente "existen novas manifestacións de violencia machista que teñen que ver cunha especie de reacción dalgúns sectores novos que converteron o sexo depredador e a cazaría nocturna en parte do seu lecer".

Así mesmo, Hilario Sáez incidiu no compoñente "profundamente político" que se agocha detrás das manifestacións de violencia sexual. Neste sentido, considera que, por desgraza, "existe unha certa compoñente de advertencia cara ás mulleres. Parece que polo feito de empezar a liberarse llas alecciona con que se poden ver sometidas a situacións de extrema violencia, como un prezo a pagar".

Pola súa banda, o profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela Jorge García Marín utilizou "a prostitución como unha exemplificación performática do que significa exercer o rol das masculinidades tradicionais". O docente centrouse nos "residuos que a masculinidade hexemónica deixou á hora de manter o trato cara á muller como un obxecto".

Unha das dificultades que se atoparon ata agora é o feito de que a violencia sexual non estaba contemplada dentro da lei. Con todo, o relator Jorge García lembrou que "toda violencia sexual é unha manifestación de violencia machista".

Como unha das principais causas que conducen á violencia sexual, apuntou á "violenta socialización dos mozos" que pode observarse nas "letras das cancións nas que a muller se ve como un obxecto sexual ou nos videoxogos con temáticas centradas na humillación da muller".

Defendeu que, a pesar de que "existe un gran número de homes que xa foron socializados en base a este esquema clásico", é moi importante centrarse "nas novas xeracións, en achegarlles modelos de masculinidade diferentes e en que aprendan a relacionarse dun modo ético e respectuoso con outros homes e mulleres".

FALTA DE EDUCACIÓN SEXUAL

Na mesma liña manifestouse a investigadora predoutoral da Universidade de Vigo, Rosana Martínez Román. Precisamente, unha das conclusións do seu Traballo de Fin de Máster 'Acoso Sexual e por razón de sexo no ámbito académico' foi a identificación de "unha falta de educación sexual no ámbito académico, tanto a nivel de educación secundaria obrigatoria como no ámbito universitario".

A súa investigación, realizada no curso 2016-2017, baseouse nun estudo levado a cabo na Facultade de Ciencias da Educación para detectar posibles situacións de acoso ou agresión sexual sufridas polo alumnado. Das conclusións extraeu, "un alarmante número de 134 mulleres, dos 160 homes e mulleres enquisados, que coincidiron en sinalar que sufriran acoso sexual".

Ao mesmo tempo, ao longo da investigación analizou o "gran estigma que sofren as mulleres, que senten culpables da situación que viviron e teñen medo de alzar a voz e dicir que son vítimas de violencia de xénero".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta