Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/03/2019 | Actualizada ás 22:00
O vindeiro xoves 21 de marzo é o Día Mundial Forestal ou dos Bosques, declarado así pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Co gallo desta celebración, a rede a prol do bosque galego Cousa de Raíces propón desenvolver unha "deseucaliptización simultánea" por toda Galicia" para librar de especies invasoras os nosos montes.
A data tenta concienciar sobre a importancia de todos os tipos de bosque, tanto no plano individual e colectivo. Por iso, ínstase ás administracións públicas a promover iniciativas que "favorezan, protexan e respalden" as nosas fragas. Tal como aseguran dende Cousa de Raíces, os bosques achegan á sociedade diversos beneficios: "mitigan o cambio climático, reteñen carbono, favorecen a provisión de auga, xeran biodiversidade e paisaxe, son fundamentais para a conservación da natureza, ofrecen oportunidades para o desenvolvemento económico e son fundamentais para a vida"
En consonancia con iso, o lema escollido este ano polas Nacións Unidas é "Aprende amar o bosque". Con todo, Cousa de Raíces incide na diferenza entre bosque e plantación forestal. "Un bosque é un ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, no que habitan animais e microorganismos entre os que se establecen interrelacións perdurables no tempo", precisan.
Mentres tanto, unha plantación forestal "é un conxunto de árbores normalmente uniformes que se plantan unicamente polo seu interese comercial e que adoita estar formado por especies alóctonas que non establecen interrelacións perdurables e que causan un forte impacto negativo sobre as especies foretais propias, sobre o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade e contribúen a favorecer os incendios forestais".
Ese sería o caso dos eucaliptos, sinala esta rede formado por máis de 60 agrupacións. Lembran que esta especie "xa supera as 500.000 hectáreas, o que representa o 17% do total da superficie galega". Sendo así, alentan a centros educativos, asociacións, plataformas e particulares a participar nesta iniciativa para frear a eucaliptización.
Algunhas entidades que xa se sumaron son Adega, as Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, a Oficina de Medio Ambiente da UDC, Amigos da Terra ou a Comunidade de Montes Veciñais de Froxán -cuxo modelo de xestión forestal foi obxecto de conversa entre un dos seus integrantes e Galicia Confidencial esta mesma semana-. Así, están previstas intervencións en Rebordelo (Cerdedo-Cotobade), Froxán (Lousame), A Coruña, Ponte Caldelas, Agolada, Mondariz ou Melón.
Están abertos á incorporación de máis persoas ou asociacións, que poderán contactar co colectivo para anotarse e ir enchendo o "mapa da deseucaliptización". Suxiren que, para que a actividade teña un carácter simultáneo, se concrete no propio día da efeméride, o 21 de marzo, ou na fin de semana do 23 e 24.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.