O PSOE prescinde de José Blanco para as europeas e aposta polo lalinense González Casares

O exministro asegurou en Twitter que "finaliza unha etapa" da súa vida e "comeza outra", pero mostrou a súa "infinita e eterna gratitude" cara aos cidadáns e o partido. Á súa vez, incorpórase na candidatura o tenente alcalde de Lalín

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

O Partido Socialista deixou fóra da lista para as próximas eleccións europeas ao lucense José Blanco, exministro de Fomento e eurodeputado desde 2014, e incorpora como candidato ao tenente de alcalde de Lalín (Pontevedra), Nicolás González Casares.

A Comisión Federal de Listas, órgano que xunto ao Comité Federal ten a última palabra na confección das candidaturas, aprobou este domingo a lista do PSOE ás eleccións europeas, da que saen, por motivos diferentes, sete dos 14 eurodeputados que ten o PSOE na actualidade. Ademais de José Blanco, tampouco repiten Sergio Gutiérrez, Inés Ayala, Soledad Cabezón, Enrique Guerrero, Ramón Jáuregui nin Elena Valenciano.

Tanto Elena Valenciano como José Blanco non saen da lista por vontade propia, senón porque a dirección federal de Pedro Sánchez non quixo contar con eles. Caso distinto é o de Sergio Gutiérrez, secretario de Organización do PSOE de Castela-A Mancha, que non repite porque será cabeza de lista ao Congreso por Toledo, mentres que Ramón Jáuregui anunciara a súa retirada da política e Enrique Guerreiro non contaba con repetir.

Quen si volven estar son Clara Eugenia Aguilera, Javi López (valor en alza no PSC), Inmaculada Rodríguez Piñero, o exministro de Xustiza Juan Fernando López Aguilar, Jonás Fernández e Eider Gardiazabal.

VALORACIÓN EN TWITTER DE JOSÉ BLANCO

A través da súa conta persoal en Twitter, José Blanco transmitiu os seus "parabéns" e o seu apoio a Nicolás González Casares: "Todo o meu apoio e axuda nesta nova andaina". 
A continuación, despídese tras finalizar esta "etapa": "Finaliza unha etapa da miña vida e comeza outra. Boto a vista atrás e só sinto gratitude, cara aos cidadáns que me apoiaron durante tanto tempo e cara ao PSOE e os seus militantes. Infinita e eterna gratitude".

NICOLÁS GONZÁLEZ

De Galicia, entra o primeiro tenente de alcalde de Lalín (Pontevedra), Nicolás González Casares (1972), diplomado en Enfermaría, que figura como número 9 da lista completa que ratifica este domingo o Comité Federal. Así,  tamén queda fóra un dos nomes que soara nas últimas semanas para as listas ás europeas, Orestes Suárez, asesor de José Blanco.

José Blanco, nun acto en Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
José Blanco, nun acto en Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pepe Blanco en directo o día da catástrofe de Angrois! https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s Segundo declarou na Comisión de Investigación. NON sabía nada dos Sistemas de Seguridade da liña Ourense-Santiago! https://youtu.be/1qSxOTdJfno?t=57m4... As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw