Primeiro convenio asinado entre unha fundación e o Concello de Silleda para axudar no copago farmacéutico

A sinatura do convenio é a primeira en toda Galicia e a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia di querer porse a disposición dos concellos galegos.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 20/03/2019 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, que naceu para facer fronte ao copago farmacéutico e co obxectivo de dar resposta ás necesidades de medicamentos e tratamentos médicos a persoas en risco de exclusión social de Galicia, asinou o primeiro convenio co Concello de Silleda. Esta nova entidade, segundo explicou nun comunicado, créase "ante a cantidade de persoas" de Galicia que non se poden facer cargo do copago farmacéutico.

Segundo o convenio asinado este mércores, a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia e o Concello de Silleda faranse cargo ao 50% do pago de medicamentos dos veciños e veciñas deste municipio que non poidan facer fronte ao bono destes por cuestións económicas, sempre previo informe dos Servizos Sociais municipais. O financiamento de certos tratamentos ou a adquisición de audífonos, prótese ou outros elementos ortopédicos necesarios serán algúns dos recursos financiables a través deste convenio.

"Este convenio supón o inicio dunha actividade que leva unha engrenaxe complicada, pero que facilitará a vida a moitas persoas con problemas de saúde que ademais se atopan en situación de exclusión social", sinalou a presidenta do banco, Noelia Romeu, durante a sinatura do convenio. No acto estiveron o presidente do comité farmacéutico do banco, Alfredo Garrido, e a concelleira de Benestar Social, Pilar Peón.

ACTUACIÓNS

O Banco Farmacéutico de Galicia ponse a disposición dos 313 concellos galegos para colaborar cos Servizos Sociais. O funcionamento do banco faise efectivo mediante ese departamento municipal, que derivará ás persoas que necesiten medicamentos e tratamentos. O pago destes medicamentos repartirase ao 50% entre o Banco Farmacéutico de Galicia e o propio Concello.

O Banco Farmacéutico de Galicia --que conta cun orzamento inicial de 100.000 euros-- xa traballa nunha campaña a nivel autonómico para instalar en todos os concellos de Galicia carteis informativos nos taboleiros municipais, póndose a disposición de todas aquelas persoas que poidan necesitar esta axuda.

Esta entidade advirte da importancia de "sensibilizar" á poboación sobre a "pobreza farmacéutica" e, ademais da súa actividade neste ámbito, tamén apoia investigacións realizadas por profesionais en hospitais e laboratorios de Galicia para os fármacos que axuden a mellorar a calidade de vida dos pacientes, en especial, con Oncomet.

Unha fundación que busca axudar ao copago farmacéutico asina o primeiro convenio c. BANCO FARMACÉUTICO DE GALICIA
Unha fundación que busca axudar ao copago farmacéutico asina o primeiro convenio c. BANCO FARMACÉUTICO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta