A Semana Galega de Filosofía reunirá en Pontevedra a quince relatores para falar de "a fronteira"

Destacan a "oportunidade" da temática elixida xa que a sociedade actual vive unha serie de situacións e problemas ás que hai que enfrontarse e que teñen que ver co tema da fronteira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá do 22 a 26 de abril a XXXVI Semana Galega de Filosofía que nesta ocasión estará dedicada a 'Filosofía e Fronteira'. A presidenta da aula Castelao, Ana Regueira, presentou este mércores a programación da Semana Galega de Filosofía ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha recepción na que tamén estiveron a concelleira de Educación e Cultura, Carme Fouces, e a secretaria da entidade, Montse Trabazo.

Ana Regueira destacou a "oportunidade" da temática elixida xa que a sociedade actual vive unha serie de situacións e problemas ás que hai que enfrontarse e que teñen que ver co tema da fronteira. "Como vemos a fronteira, en función de que; ten mala prensa se é a fronteira dos capitais, pero boa se falamos de persoas; que define unha fronteira, que identifica...", dixo en relación a cuestións que estarán encima da mesa durante a Semana Galega de Filosofía.

O programa farase público nos próximos días. Con todo este mércores adiantaron o nome de dous dos seus 15 relatores: Buenaventura de Sousa Santos e Ángeles Ramírez. Buenaventura de Sousa Santos, sociólogo e profesor xubilado da Universidade de Coimbra e veterano activista antiglobalización, porá o foco nas fronteiras de Europa e na análise das ausencias.

Ángeles Ramírez, antropóloga social, arabista e profesora da Universidade Autónoma de Madrid. É unha referente no estudo das emigracións chegadas dos países árabes, centrado sobre todo nas mulleres e menores de idade. O alcalde da cidade do Lérez declarouse "orgulloso" da Semana Galega de Filosofía, un evento que fai de Pontevedra cada ano "un referente internacional do pensamento crítico" e asociado a temáticas de actualidade.

Facultade de Filosofía da USC
Facultade de Filosofía da USC | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta