Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/12/2011 | Actualizada ás 13:06
Percebeiros é, como di o subtítulo do documental, unha aproximación á "fronteira entre o valor e o medo por un bocado de mar" na que se desenvolve cada día Serxio Ces. El é o protagonista da curtametraxe, mais nel converxen as historias de tantos percebeiros que se xogan a vida na nosa costa por satisfacer a demanda dun crustáceo tan valorado nos nosos mercados.
O equipo, composto por 14 persoas, tivo como obxectivo "aplicar as técnicas da ficción narrativa á realidade. E iso non só se realiza a través da escritura, senón tamén coa propia filmación. O noso equipo planeou todos os aspectos da historia para ofrecer ao espectador unha experiencia que non só é interesante e atractiva, senón tamén fermosa", explican.
A música xoga aquí un papel fundamental para axitar emocións e exaltar a figura do guerreiro heroe, do percebeiro. Anxo Pintos (Berrogüetto, Lizgairo) é o narrador musical desta historia: compuxo e gravou toda a música para este documental escrito por Fernando Ureña e David Beriain.
Sinopse
Roxe o vento. O mar golpea os acantilados. Dous metros de rocha, esa é a franxa de auga e osíxeno na que crece o percebe. Dous metros onde o mar acomete con saña, onde bate con forza milenaria. Unha fronteira de olas e escuma na que Serxio e os seus compañeiros loitan por un bocado de mar. Unha fronteira de valor e medo. De temeridade e sentido común. Dous metros sen marxe de erro. Aí vive o percebe. Aí vive Serxio. Percebeiros é a batalla contra o mar duns guerreiros que non se consideran heroes.
Como se fixo Percebeiros
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.