Rafa Mayoral defende en Ferrol unha "industria forte" para que "España teña futuro"

O dirixente de Podemos tamén considerou que o próximo 28 a abril os españois decidirán entre "un Goberno de carácter popular, como é o de Unidas Podemos, ou se hai unha forza e un Goberno entregado ao Ibex-35 e ás multinacionais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2019 | Actualizada ás 21:14

Comparte esta noticia

O secretario de Relación coa Sociedade civil e Movementos Sociais de Podemos, Rafa Mayoral, considerou que para que España "teña futuro" debe ter "unha industria forte". "Por iso ten que haber un ministerio de industria que non sexa un departamento de peches, senón que sexa un ministerio que dinamice a economía", reivindicou.

Mayoral pronunciouse deste xeito nun mitin ofrecido este venres no Ateneo de Ferrol, onde estivo acompañado polos candidatos ao Congreso de Unidas Podemos pola Coruña, Antón Gómez-Reino, e Pontevedra, Yolanda Díaz.

"Temos que decidir se queremos ter servizos públicos ou non telos, porque veñen os privatizadores, se queremos ter un sistema público de pensións ou se non o queremos ter, porque tamén veñen os privatizadores, se queremos baixarlle os impostos aos ricos e se queremos que dunha vez por todas empecen a pagar o que lles corresponde neste país", manifestou nun acto organizado no primeiro día de campaña electoral.

O dirixente de Podemos tamén considerou que o próximo 28 a abril os españois decidirán entre "un Goberno de carácter popular, como é o de Unidas Podemos, ou se hai unha forza e un Goberno entregado ao Ibex-35 e ás multinacionais". "Só hai unha forza que é capaz de mirarlle aos ollos ás transnacionais, ás entidades financeiras e os fondos voitre e dicirlles que ao noso pobo respéctaselle", subliñou.

Tras iso, asegurou que Unidas Podemos utilizará o Boletín Oficial de Estado (BOE) e a forza parlamentaria para lexislar a favor da maioría social e defender os intereses da xente traballadora".

ALCOA E POLIGAL

No acto, a candidata pola provincia de Pontevedra censurou que os gobernos non sexan capaces de "dar satisfaccións" ao pobo, especialmente ante conflitos como os existentes en empresas como Poligal e Alcoa. Precisamente, antes do acto, os participantes reuníronse con traballadores destas compañías. A política ferrolá tamén lanzou as súas críticas á ministra de Defensa, a Margarita Robles. "Parece que non sabe como se fan barcos", manifestou para censurar que Navantia vaia a estar "dous anos sen ter carga de traballo" na cidade.

Díaz tamén asegurou que "o éxito do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) chámase Unidas Podemos", facendo un chamamento "á mobilización da clase traballadora, porque pola contra imos ter un Goberno do PSOE cunha pata que se chama Ciudadanos". Por último, Antón Gómez-Reino, destacou que "a proposta de En Común-Unidas Podemos é unha iniciativa para o novo tempo político, co morado das letras feministas, o verde polas letras do clima pero que tamén ten o vermello polos dereitos sociais". Ademais, incidiu en que Ferrol sempre se distinguiu por "a loita dos dereitos sociais". "Esta comarca o que necesita é un Goberno valente que non a abandone, como a Navantia, e aos seus sectores produtivos", apuntou.

Rafa Mayoral (Podemos) defende en Ferrol unha 'industria forte' para que  'España teña futuro'
Rafa Mayoral (Podemos) defende en Ferrol unha 'industria forte' para que 'España teña futuro' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antón de guizán

Un acto en Ferrol, con o candidato da Coruña, a candidata IMPOSTA por Pontevedra e Rafa Mayoral e o celebran no Ateneo Ferrolán que ten un salón de actos de 60 persoas ? Eso é o que representa Izquierda Unida en Galicia