Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/04/2019 | Actualizada ás 23:29
Como era de agardar, ninguén perdeu nestas eleccións xerais. Todos saíron ao atril como gañadores, malia que os resultados demostran que só houbo un: o PSOE. En Galicia, chama a atención a reacción triunfalista do BNG, malia conseguir tan só uns 8.000 votos máis que o partido ultradereitista Vox.
Co 95% do voto escrutado, o BNG sumaba 89.088 votos (5,75%) e Vox, 81.362 (5,25%). E os nacionalistas galegos non acadan o obxectivo: conseguir representación no Congreso dos Deputados. Con todo, o Bloque duplica os resultados acadados nas eleccións de 2016, pero segue sendo unha forza residual no país, sen capacidade para convencer a un número suficiente de cidadáns para ser unha forza decisiva.
No marco da coalición do BNG con EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), a formación galega queda nunha situación de absoluta debilidade. O grupo vasco experimentou unha espectacular suba, pasando de 2 a 5 escanos no Congreso, mentres que ERC sitúase como primeira forza en Cataluña e sobe de 9 a 15 deputados. A intranscendencia do Bloque compromete o seu peso nesa coalición que pactou cos nacionalistas vascos e cataláns.
Os resultados destas eleccións tamén evidencian a hecatombe de En Marea, que queda en estado de coma con apenas preto de 17.000 votos e arredor do 1% dos votos en Galicia; fronte aos case 230.000 votos dos seus antigos socios, En Común Unidas-Podemos, que acadou arredor do 14,5% do votos en Galicia.
Tamén chama a atención que En Marea acadou apenas mil votos máis que o partido animalista PACMA, con arredor de 16.000 apoios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.