Alerta científica: “A maior parte do patrimonio costeiro galego está ameazado ou a piques de desaparecer”

Investigadores denuncian que as desfeitas e o abandono dos xacementos bioarqueolóxicos na costa galega, canda os efectos do cambio climático, poñen en perigo depósitos milenarios claves para entender a relación dos habitantes de Galicia co mar, algúns dos cales xa foron destruídos.

Por Alberto Quian | Madrid | 13/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A relación íntima dos habitantes de Galicia co mar remóntase a tempos prehistóricos. Depósitos de cunchas e peixes acumulados ao longo de oito mil anos son testemuños desa simbiose entre o ser humano e o medio mariño neste recuncho do planeta. E son, tamén, un libro aberto no que ler a nosa historia.

Fotografías aéreas do illote de Guidoiro  Areoso (1945-2014). A partir da década de 1980, o aumento do nivel do mar reduciu un metro a altura da duna na área norte e estreitou as praias ata o punto de que a illa pronto se dividirá en dúas
Fotografías aéreas do illote de Guidoiro Areoso (1945-2014). A partir da década de 1980, o aumento do nivel do mar reduciu un metro a altura da duna na área norte e estreitou as praias ata o punto de que a illa pronto se dividirá en dúas | Fonte: De Agüero, E.-G.; Fernández-Rodríguez, C.; Roselló-Izquierdo, E.; Llorente-Rodriguez, L.; Bejega-García, V.; Fuertes-Prieto, N.; Morales-Muñiz, A. Fish- and Shellmiddens from Galicia (Northwest Spain): Reflections upon a Neglected Coastal Cultural Heritage from the Iberian Peninsula. Humanities 2019, 8, 85.

As características fisiográficas da costa galega, en particular a súa temperatura, as correntes mariñas e a riqueza de plancto, converteron estas augas nunha das rexións mariñas con maior diversidade biolóxica do planeta. E ao longo dos 1.500 quilómetros de costa que ten Galicia, os asentamentos dedicados á pesca deixaron numerosos xacementos arqueolóxicos.

“As perspectivas de conservación futura están, por dicilo suavemente, lonxe de ser prometedoras”, alertan os científicos

Pero nas últimas décadas, o desenvolvemento urbano e industrial, así como unha serie de eventos naturais relacionados co cambio climático están a borrar rapidamente as evidencias deste rico patrimonio bioarqueolóxico. Esta é a alerta que lanza unha revisión das investigacións feitas nos últimos anos por científicos adscritos ao Departamento de Historia da Universidade de León, do Laboratorio de Arqueozooloxía da Universidade Autónoma de Madrid, do Departamento de Ciencias Arqueolóxicas da Universidade de Leiden (Holanda) e do Departamento of Arqueoloxía da Universidade de Nova York.

Os científicos lamentan as “restricións” para documentar a evolución das adaptacións costeiras galegas e a perda ao longo do tempo de moitos destes xacementos, ademáis da falla dunha estratexia para a conservación dos que quedan. “As perspectivas de conservación futura están, por dicilo suavemente, lonxe de ser prometedoras”, advirten.

“Perder estes recursos implica a destrución dunha parte crucial do patrimonio natural e cultural de Galicia e da evidencia que pode axudarnos a planificar unha mellor xestión do medio ambiente costeiro”, subliñan os investigadores.

Os investigadores calculan que no litoral galego ten que haber, cando menos, uns mil xacementos, a maioría sen documentar e analizar

As análises científicas teñen revelado un cultivo xeneralizado dos recursos mariños na costa de Galicia desde tempos prehistóricos do Mesolítico ata o século II antes de Cristo –cando aparecen indicios dun cambio da ecomomía mariña de subsistencia local– a outra intensiva dun comercio rexional. Ese cambio, din os investigadores, foi aparentemente fomentado polos romanos e estivo marcado por un enfoque da pesca nas sardiñas, ostras e o cornetín de boca vermella, ademáis da aparición de estruturas para procesalos (por exemplo, cubas para salgadura). Existen máis evidencias de prácticas de pesca a grande escala en Galicia durante a Idade Media, cando o enfoque cambiou a especies como a pescada e o congro.

Na actualidade, os científicos teñen documentadas pouco máis de cen especies nos xacementos da costa galega. Unha cantidade que, din, “pode representar só unha fracción da diversidade que albergan estes depósitos”.

“De feito, aínda que os vertebrados e os moluscos grandes parecen estar razoablemente ben documentados, non se realizaron estudos sistemáticos dirixidos a grupos como os micromoluscos, crustáceos ou equinodermos, que son frecuentes na maioría das coleccións”, detallan. O mesmo, engaden, acontece cos restos de cetáceos –cuxa identificación a miúdo require análise de ADN– e de corais, dada a escaseza de especialistas para este grupo.

“As ameazas están a aumentar a unha velocidade tan rápida, que unha parte significativa dos depósitos pode desaparecer antes de que nos decatemos da súa existencia”

Os científicos están convencidos de que a solución a tales limitacións daría lugar a un aumento exponencial do número de taxóns (grupo de organismos emparentados) identificados nestes xacementos.

Un tema crucial para os investigadores é a sobreexplotación comercial de poboacións de peixes, xa que os depósitos galegos albergan grandes cantidades de ósos de especies como a pescada, sardiñas e congros, cuxas análises zoarqueolóxicas e biomoleculares  “axudarían a definir as liñas base para a acción futura” no manexo e conservación das poboacións das distintas especies.

As análises serían cruciais para conseguir información valiosa sobre os cambios no medio mariño (por exemplo, a temperatura da auga), ou para rastrexar o comercio e as industrias relacionadas con determinadas especies ao longo da historia.

Os científicos estiveron estudando durante a última década restos de fauna datados desde a Idade de Bronce ata os tempos modernos, en 30 xacementos. Pero en base aos traballos realizados por estes e outros autores, estiman que “non pode haber menos de mil depósitos no litoral galego”.

“A cifra de mil xacementos serve como unha estimación aproximada para calibrar a nosa actual falta de conciencia acerca dun patrimonio que as persoas apenas coñecen. De feito, mesmo para a maioría dos depósitos arqueolóxicos ata agora documentados, faltan estudos detallados de materiais debido á falta de interese por parte das administracións, falta de fondos, recuperación inadecuada, etc.”, explican.

“Os seres humanos foron probablemente o axente de destrución do patrimonio costeiro galego máis frecuente e agresivo desde o século XIX"

AMEAZAS HUMANAS E NATURAIS

O maior risco para este patrimonio, proseguen, é “a ausencia dun plan mestre para a súa xestión”, o cal é “alarmante”, pois “aínda que os riscos sempre existiron” para estes xacementos, “as ameazas están a aumentar a unha velocidade tan rápida, que unha parte significativa dos depósitos pode desaparecer antes de que nos decatemos da súa existencia”, advirten.

As principais ameazas veñen pola acción humana e tamén por fenómenos naturais, principalmente consecuencia do cambio climático.

“Os seres humanos foron probablemente o axente de destrución do patrimonio costeiro galego máis frecuente e agresivo, e as súas accións documentáronse como sistemáticas desde o século XIX”, resaltan os científicos.

Esta destrución implica agresións directas, como a construción de vivendas, infraestruturas e complexos industriais, pero tamén indirectas relacionadas con cambios na paisaxe (por exemplo, recheos, recuperación de terras, erosión intensificada dos chans agrícolas...).

A destrución do xacemento de Reiro, o asentamento costeiro máis antigo do noroeste da Península Ibñerica, "foi unha terrible perda para o patrimonio costeiro galego"

Como exemplo poñen o depósito costeiro máis antigo rexistrado ata o momento en Galicia, o xacemento mesolítico de Reiro, en Arteixo, considerado o primeiro testemuño faunístico de pesca no noroeste da Península Ibérica. Escavado hai case un século, asentado sobre unha duna fósil preto da praia de Barrañán, o sitio ocupaba unha área duns 120 metros cadrados en 1968, cando as actividades de extracción de area destruíron unha gran parcela. O sitio desapareceu definitivamente en 1973, despois de que se construíu un estacionamento sobre a área restante. Na actualidade atópase oculto por capas de area e sedimentos. 

“A destrución de Reiro foi unha terrible perda para o patrimonio costeiro galego. O sitio non só era o asentamento costeiro máis antigo do noroeste de Iberia, senón que tamén se remonta á transgresión flandriense”, fase xeolóxica do Holoceno europeo que marcou o momento no que o nivel do mar comezou a subir de forma discontinua até alcanzar o nivel actual.

No Museo de San Antón (A Coruña) e no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Lugo) consérvase unha parte mínima dos conxuntos de peixes rexistrados, polo que “seguimos ignorando a natureza da pesca nese momento e se algunhas especies de peixes mariños presentaron poboacións locais adaptadas a ambientes menos salinos”, explican os científicos.

“En dúas décadas, o patrimonio cultural costeiro de Galicia sufriu un ataque sen precedentes pola construción de estradas, portos deportivos e vivendas"

Os investigadores son moi críticos coa xestión que deste o doutros xacementos fixeron as administración públicas: “Aínda que a destrución do xacemento de Reiro ocorreu antes da aprobación da Lei do Patrimonio español de 1985 que prohibe as construcións na praia, a historia non cambiou substancialmente desde entón. O chamado ‘boom inmobiliario’ que comezou a principios do milenio provocou un desenvolvemento urbano indiscriminado ao longo da costa española, incluída a galega”.

E así, “en apenas dúas décadas, o patrimonio cultural costeiro de Galicia sufriu un ataque sen precedentes pola construción de estradas, portos deportivos e vivendas, que transformaron a paisaxe máis profundamente que nos 200 anos anteriores”, reproban os especialistas.

Na súa revisión, os investigadores repasan, por exemplo, as desfeitas no castro de Fazouro (Foz), no xacemento romano e medieval en Estabañón (Viveiro) ou no depósito medieval do Porto (Valdoviño). Pero consideran “particularmente daniños” os traballos de construción de estradas ao redor dos grandes depósitos, como os de Taramancos (Noia) e  Montealegre (Moaña), así como as obras de renovación do porto e o edificio de apartamentos no sitio do Achadizo (Boiro).

Iniciativas de Patrimonio da Xunta de Galicia, como a construción do Museo do Mar de Vigo ou os camiños forestais en áreas costeiras protexidas representan, para estes científicos, “iniciativas illadas que probablemente non reverterán o estado das cousas”.

“Aínda máis inquietante é o feito de que poucas persoas expresan algunha vez preocupación por tales perdas”, láianse.

O xacemento de Punta Atalaia, que alberga as coleccións de moluscos e peixes máis grandes e ricas documentadas Galicia, foi destruído parcialmente por maquinaria pesada

Para estes científicos, “o caso máis significativo deste desenvolvemento urbano” que atenta contra o patrimonio costeiro galego é o rexistrado no xacemento de Punta Atalaia (San Cibrao), cando en 2006 comezaron as obras para construír un observatorio para a fauna mariña, utilizando maquinaria pesada. “As máquinas xa destruíran a metade dun xacemento de nove metros de alto cando as operacións se detiveron despois de que un veciño o denunciase ás autoridades locais. Grazas a este informe, logramos levar a cabo unha escavación de rescate no que resultou ser un xacemento romano temperán”, lembran.

Nos anos seguintes destuíronse outros 2.000 metros cadrados no sector occidental desa península, por mor de máis obras, detidas despois de que a Asociación Mariña Patrimonio reportase o caso ás autoridades locais, que finalmente deron acceso aos científicos para estudar os materiais.

“Punta Atalaia alberga as coleccións de moluscos e peixes máis grandes e ricas que se reportaron en Galicia”, subliñan os expertos. As análises mostraron evidencia da caza de baleas e unha explotación sistemática de coral vermello. “Este é o único caso de explotación de coral documentado no norte de Iberia e testemuña o momento no que houbo augas máis cálidas na rexión”, engaden.

Pero “esta destrución incontrolada non é o único problema que enfrontan os xacementos en Galicia”. Os científicos apuntan a “falta de protocolos estandarizados, por exemplo, así como o coñecemento deficiente dos procedementos de mostraxe e conservación máis básicos”, o cal, “a miúdo dá como resultado unha recuperación deficiente".

O aumento do nivel do mar e das cicloxénese explosivas, por mor do cambio climático, tamén ameazan a conservación destes depósitos bioarqueolóxicos

Ademais da destrución causada pola acción directa do ser humano, os fenómenos naturais relacionados co cambio climático tamén están a ser determinantes na desaparición deste patrimonio. Esa destrución é principalmente o resultado da acción combinada de dous axentes interrelacionados: o aumento do nivel do mar e das tormentas.

O aumento do nivel do mar, coa súa erosión costeira asociada, está a descubrir depósitos que estaban cubertos. Os datos que manexan os científicos son preocupantes: tanto en Vigo como na Coruña, as últimas estimacións establecen que o nivel do mar está aumentando entre 2,25 e 2,68 centímetros por década, superior a calquera outro aumento postglacial rexistrado.

O caso “máis dramático” desta suba dio nivel do mar, que pon en perigo numerosos xacementos costeiros, é o do illote Guidoiro Areoso, en Arousa, que documenta tumbas megalíticas e un asentamento da Idade de Bronce, e onde os depósitos de peixes se erosionan gradualmente debido ao aumento do nivel do mar. Só entre 2008 e 2014, perdeu un metro de area, aínda que se construíron unha serie de muros para protexer os xacementos arqueolóxicos. Os científicos avisan de que “a perda destes depósitos significaría que unha das explotacións de moluscos máis antiga documentada no noroeste de Iberia, xunto coas primeiras evidencias de pesca na Idade de Bronce Ibérica do Norte, desaparecerían para sempre”.

O segundo axente significativo de destrución destes xacementos relacionados co clima son as tormentas e, máis concretamente, as cicloxénese explosivas, que, “con ventos que oscilan entre os 120 e os 200 km/h, e ondas na costa de máis de 10 metros, son un fenómeno recente en Galicia que está a destruír de forma rápida e impredicible os xacementos”, aportan os autores do estudo.

En Cabana (Barreiros), por exemplo, os fortes temporais que afectaron a costa galega durante os primeiros meses do ano 2014 puxeron ao descuberto un depósito de cunchas, moi próximo ao xacemento de Punta do Castro. Grazas aos avisos da Asociación Mariña Patrimonio, os científicos realizaron unha pequena escavación de rescate que revelou unha das moi poucas concentracións de cornetín de boca vermella documentadas en Galicia, que deu evidencias da etapa de maior temperatura no mar de Galicia durante a época romana e que suxire unha industria relacionada co procesado deste molusco para a obtención do colorante púrpura que segrega este animal, unha cor que para os romanos indicaba poder.

Escocia, Gales e Inglaterra foron pioneiros ao iniciar na década de 1990 plans de protección e conservación do patrimonio costeiro ante as ameazas emerxentes

UN PLAN MESTRE PARA O FUTURO

A comunidade científica vén alertando nos últimos anos das consecuencias do quecemento global, o cambio climático e a acción do ser humano para o patrimonio arqueolóxico costeiro. Algúns países da nosa contorna avanzaron en materia de xestión preventiva. Os investigadores poñen como exemplos Escocia, Gales e Inglaterra, “sen dúbida, os pioneiros neste campo [...] desde principios da década de 1990”. Casos que contrapoñen co galego.

Malia que é evidente a “necesidade de aumentar o grao de participación de diferentes institucións agora que parece que se está producindo unha aceleración dos procesos costeiros destrutivos”, os científicos alertan de que “a maior parte do patrimonio costeiro documentado en Galicia está ameazado ou a piques de desaparecer”.

A preocupación é maior se se ten en conta que o número de xacementos debe ser moito maior dos que están documentados polos científicos.

Os científicos consideran “crucial” a “conciencia pública sobre a perda do patrimonio costeiro”, para exercer presión sobre as administracións públicas

Na tarefa de identificar, explorar e protexer eses depósitos, os expertos sinalan como “crucial” a “conciencia pública sobre a perda do patrimonio costeiro en xeral e as evidencias da explotación mariña pasada en particular”, para exercer presión sobre aqueles que, desde administracións e institucións, teñen a capacidade de tomar medidas para protexer os sitios arqueolóxicos. Pero, “desafortunadamente”, din, “estas accións a miúdo impleméntanse só despois de que se produciu un gran dano e se perdeu o patrimonio”.

Ademais, lamentan que estas accións están, na súa maior parte, restrinxidas a sitios previamente coñecidos, e a maioría delas céntranse na arquitectura”.

Para mudar as cousas e protexer o patrimonio bioarqueolóxico en Galicia, demandan “un plan mestre coherente con obxectivos claros” que contemple varios puntos. Un primeiro requisito debería ser levar a cabo unha revisión sistemática dos inventarios arqueolóxicos e informes provisionais que se atopan nos arquivos da Dirección Xeral  de Patrimonio da Xunta de Galicia, así como documentos da época medieval, moderna e contemporánea en arquivos de todo tipo, incluíndo bibliotecas persoais. Isto, din, “permitiríanos localizar puntos clave relacionados coa explotación do reino mariño”. Deste esforzo debería saír un mapa detallado e completo das localizacións dos xacementos galegos para levar a cabo o traballo de campo.

En segundo lugar, consideran necesario proporcionar pautas á Administración para asegurar, por unha banda, unha resposta rápida unha vez que se localicen os sitios, así como as formas adecuadas de escavar, seleccionar, transportar e estudar os materiais.

O terceiro punto, o traballo de campo, requiriría unha sondaxe intensiva do litoral galego, considerado polos científicos o aspecto máis urxente nestes momentos. Os investigadores consideran que a recompilación previa de datos dos habitantes locais, mediante enquisas, é necesaria non só para proporcionar listas de sitios, senón tamén para establecer unha lista de accións prioritarias para cada sitio.

Só despois de completar esta fase, poderíase comezar a escavación e a análise dos depósitos, parcial ou totalmente, e determinar como se debería proceder a escavación e que métodos de recuperación darían mellores resultados.

O estudo, que se vén de publicar na revista científica Humanities, está asinado por Eduardo González Gómez de Agüero, Carlos Fernández Rodríguez, Eufrasia Roselló Izquierdo, Laura Llorente Rodriguez, Víctor Bejega García, Natividad Fuertes Prieto e Arturo Morales Muñiz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta