Por Beatriz G. Caneda | Xinzo de Limia | 15/05/2019 | Actualizada ás 15:06
O alumnado dos centros de primaria e secundaria de Xinzo de Limia saíu este mércores 15 de maio á rúa co obxectivo de "poetizar a vila". A iniciativa, que consistiu en escribir versos de autores da comarca nos pasos de peóns da capital limiá, parte dos departamentos de Dinamización Lingüística dos centros educativos da vila.
En total "poetizáronse" 12 pasos de peóns, os dous máis próximos aos centros de primaria e outros dez nunha das rúas principais. Os versos foron elixidos polo profesorado atendendo a que tivesen un sentido completo e fixeran referencia á comarca con topónimos ou xentilicios. Os poetas seleccionados teñen un forte vínculo coa comarca e entre eles atópanse Xabier XiI Xardón ou Chus Pato.
O obxectivo do proxecto é "crear un sentimento identitario respecto á lingua e á comarca a través das palabras de autores próximos" explicou Asun Caneda, profesora e integrante do equipo de Dinamización Lingüística do IES Cidade de Antioquía. "Intentamos buscar un sentido identitario nos versos a través de topónimos como Antioquía ou referencias aos habitantes", engade.
Na actividade participou alumnado dos IES Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela e dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, contando coa colaboración do Concello da vila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.