Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/05/2019 | Actualizada ás 11:18
O Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) de Afundación consolida o seu compromiso de internacionalización en China cunha viaxe estratéxica por invitación de dúas universidades de recoñecido prestixio, a University of International Business and Economics (UIBE) de Beijing e a Tianjin Foreign Studies University (TFSU). Acompañan o reitor presidente de IESIDE, Miguel Ángel Escotet, o seu secretario xeral, Pedro Otero, e a coordinadora Internacional, Begoña Jamardo.
A visita a UIBE permite reforzar o convenio xa subscrito en 2016 con esta universidade, pionera e líder pola súa especialización no ámbito empresarial e que figura entre as dez mellores das 2.800 do país pola súa calidade e a alta empregabilidade dos seus graduados.
Nesta viaxe ampliouse o ámbito do convenio e estableceuse unha nova liña de cooperación coa súa prestixiosa Business School, que goza da triple coroa de acreditación internacional.
O acordo permitirá o desenvolvemento de innovadores programas conxuntos para que os estudantes de UIBE e de IESIDE se poidan formar en ambos os países, non só dentro das aulas de ambas as institucións, senón tamén en empresas galegas e chinesas. Este novo proxecto educativo persegue dotar as empresas de ambos os países de talento novo altamente cualificado e con dominio dos idiomas chinés, español e inglés para potenciar a expansión de investimentos empresariais en ambos os territorios. Así mesmo, avanzouse no intercambio de profesores e de estudantes na súa International Summer School e no deseño de accións de formación para directivos.
A representación de IESIDE desprazouse tamén a Tianjin, cidade na que se encontra o porto fluvial artificial máis grande do mundo e principal acceso marítimo de Beijing, para a sinatura dun novo convenio de cooperación coa Tianjin Foreign Studies University, que será implementado a través de programas conxuntos co seu Honors College na área de Business & Economics. O convenio foi subscrito polo reitor presidente de IESIDE e o reitor de TFSU, Chen Fachun.
Durante a intensa axenda de visita mantívose tamén unha reunión de traballo coa conselleira de Educación da Embaixada de España en Beijing, Gisela Conde Morencia, para informar dos novos proxectos de educación empresarial de IESIDE en China e explicarlle o proxecto UIE (Universidad Internacional de la Empresa), unha universidade privada de servizo público que xa foi presentada ao Goberno galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.