Inés Rey: “Cando me presentei dicíanme que era moi nova, muller, con fillos... Algo que non lle dicían aos meus compañeiros”

É a candidata do PSOE á Alcaldía da Coruña e a máis nova con posibilidades de dirixir unha gran cidade galega. Asegura que as feridas xa están fechadas no PSOE coruñés pero lamenta a saída do partido de históricos como Paco Vázquez. “Outros como Pepe Blanco aí seguen traballando sen cargos”, di. Critica a certas figuras da candidatura de Xulio Ferreiro porque “non se lle pode chamar orcos aos veciños” e tamén acusa ao alcalde de “vitimismo”. O seu obxectivo é volver situar a Coruña como referente en Galicia e iso implica “sentar e falar cada mes con Feijóo” a quen critica o seu control dos medios de comunicación.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 22/05/2019 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

Os que seguimos algo a política, como é o  meu caso, coñecemos o teu nome, pero pouco máis alá de que levas no PSOE da Coruña desde sempre. De feito, comezaches a serlle familiar aos coruñeses desde hai ben pouco...
Si, desde outubro.

E como é que pasas en sete meses de ser case unha descoñecida a ser a cabeza de lista do PSOE e, mesmo,  aaspirar a ser a vindeira alcaldesa?
Eu levo militando no PSOE desde os 18 anos. Comecei en Xuventudes, logo xa pasei ao PSOE e fun moi activa nos movementos estudantís na UdC, cando fora o cambio de Meilán como reitor.

Estabas en Iesga?
Si. E fun a claustral máis votada da UdC. Por iso che digo que levo moito tempo vinculada á política, primeiro, na universidade e logo no PSOE. E con toda esa traxectoria decidín presentarme ás primarias do meu partido para tentar renovar a mensaxe e as políticas. Foi unha decisión meditada porque eu nunca tiven ningún cargo político porque levo desde os 24 anos traballando de avogada como autónoma e teño dous fillos pequenos.

Pero para lanzarte, Inés, terías que ter apoios da xente do partido...
Pois foi froito dunha reflexión de moito tempo na que, obviamente, axudaron moitos compañeiros e que apostaron e creron en min. E aí están os resultados xa que fun a que máis apoios tiven nas primarias.

Inés Rey nun acto do PSOE da Coruña
Inés Rey nun acto do PSOE da Coruña | Fonte: cadenaser.com

Pero iso foi porque tamén  houbo un pacto, un acordo entre sectores?
Había catro candidatos. Pasei o corte da primeira volta e é certo que na segunda volta aglutinei o maior número de apoios que o meu compañeiro Pepe.

E agora estás nunha carreira electoral e hai enquisas que te sitúan como vindeira alcaldesa...
Eu nunca falo de enquisas.

Pero ti non notas unha tendencia favorable cara ao PSOE?E que tal a relación con Paco?
Si que a noto. Nótase que a veciñanza quere un cambio. E iso pálpase na rúa. Así como no 2015 había unha sensación de ilusión tremenda, que tamén se vía na rúa. Xente que botaba ao PSOE ou ao BNG pois se sumou a esa onda do cambio. Pero agora esa ilusión, ese movemento, vai cara o lado contrario, é dicir, cara nós.  A xente está decepcionada, cabreada polo tempo perdido. E non estamos para perder máis tempo máis, nin para ter paralizada a cidade outros catro anos.

E ese efecto de cambio agora chámase Pedro Sánchez...
Si, por suposto. Eu penso que os cidadáns decatáronse que que ten seriedade para gobernar e xestionar un país, unha autonomía o u un concello é o PSOE. Iso palpouse nas eleccións xerais e agardo que este domingo continúe na mesma liña.

Por certo, supoño que este efecto Sánchez tamén axudou a pechar as feridas do PSOE na Coruña...
Que feridas?

As feridas das que falabamos antes e que supuxeron que se presentaran catro candidatos?
Non houbo feridas. Creo que aí os xornalistas magnificades os debates internos do Partido Socialista.

"Todos se puxeron ao meu carón cando gañei as primarias e agora imos todos a unha"

Eu penso que non é magnificar, senón informar, deste e doutros partidos, ollo
De calquera partido cando ten primarias de verdade.

Nós falamos desas feridas abertas nas mareas, no PP ou no BNG cando as tiveron
Eu non falo da casa dos demais. Falo da miña. E penso que as primarias do PSOE foron exemplares e cunha lección de democracia interna e de respecto máximo entre os candidatos  e entre as diferentes candidaturas. Pepe ven a todos os actos cantos hai, Juan Ignacio vai na lista, Rafa tamén acude a todos os actos. Todos se puxeron ao meu carón cando gañei as primarias e agora imos todos a unha porque o obxectivo noso é o goberno municipal.

E con Mar Barcón?
Tamén. Ademais estiven con ela hai media hora nunha ofrenda contra a LGTB fobia que fixemos aquí na Coruña. Ven aos repartos, falo con ela e mesmo nos mandamos whatssaps.

Supoño que veñen ventos favorables e cando o vento ven a favor é mellor levarse todos ben. Pero, volvendo ao que comentabamos antes da entrevista... 36 anos, muller, nai de dous fillos...

Inés Rey, candidata do PSOE na alcaldía da Coruña / @fitoferreiro /mundiario
Inés Rey, candidata do PSOE na alcaldía da Coruña / @fitoferreiro /mundiario

E autónoma. E sen baixa de maternidade co meu fillo que acababa de nacer na UCI. Esa é a protección ás familias dos gobernos do PP.

Si, certo. Ese é o mal de moitos autónomos. Pois se o sufriches, supoño que tentarás cambialo se es alcaldesa. Non si?
Poucas competencias teño na lexislación laboral pero tendo un goberno socialista en Madrid agardo que tomemos as medidas adecuadas nese sentido, tanto para autónomos como para as mulleres.

E é difícil ser muller na política?
Si. É difícil. Eu lembro que nas primarias eu me presentaba fronte a tres homes. E me dicían que aínda era moi nova, muller, con fillos pequenos... E iso non llelo preguntaban aos meus compañeiros que tamén tiñan fillos. Aínda hai situacións de machismo, tanto na política, como na empresa ou na vida diaria. E hai situacións difíciles neste sentido. A min gústame o debate político pero cando xa se baixa a desacreditar por ser muller, entón aí, cambian moito as cousas.

Pero isto pasouche?
Si, pois hai ben pouco co Partido Popular da Coruña. Iso de ir ao chiste fácil, machista. E por iso non dar un paso atrás e seguir na loita porque veñen partidos que veñen pola dereita extrema, abrazados ao PP e eu non quero lembrar de frases do 28 de abril de Pablo Casado, por exemplo, ou Ortega Smith de Vox dicindo iso das unllas e do pelo das mulleres.

O feminismo semella agora un valor seguro para o PSOE e incrementa votos pola defensa da muller
Quen apostou pola lei de igualdade, a lei de matrimonio homosexual, a lei de violencia de xénero sempre foi o PSOE. Os avances neste campo sempre foron do PSOE. E estou convencido que o novo goberno de Pedro Sánchez seguirá nesta liña.

O PSOE ten xa alcaldesa nunha gran cidade
Si, Lara, en Lugo

Efectivamente. E logo non hai outras que teñan posibilidades reais, agás ti. Falariamos de dúas mulleres en sete cidades. As dúas socialistas, pero segue sendo unha cifra baixa
Si, segue sendo moi baixa. As mulleres estamos en política pero cando chegas aos máis altos niveis aínda hai moitos teitos de cristal. Por iso é importante que as mulleres esteamos na política, porque cando estamos na política, a política faise doutra maneira.

E ti levas en política moitos anos. Tampouco a vida municipal te é allea, non?
Efectivamente. Sempre estiven moi activa internamente no partido e moi atenta ao partido. Non son unha persoa allea á vida municipal.

"Eu non teño relación con Paco Vázquez. Non falo con el"

De feito, ti xa estabas con Paco Vázquez. Hai quen di que foi o teu padriño político...
Outra máis que me coan. Eu non tiven padriños políticos. No 2003 eu era un referente no mundo estudantil universitario na Coruña. A min quen me chamou para ir naquela lista foi Javier Losada e fun de número 26. Din o mitin de peche da campaña porque era a máis nova da lista con 19 anos. Era a primeira vez que eu falaba en público con tanta xente. Foi un mitin moi emotivo, moi bonito e despois as circunstancias fixeron que ese fora o último mitin de Paco porque logo marchou no 2006.  Foi unha experiencia política para iniciarse bonita.

E que tal a relación con Paco?
E que eu non teño relación con el. Eu non falo con el.

Pregúntocho porque ultimamente parece que fala máis con Ciudadanos que co PSOE...
Paco marchou do partido. Foi unha decisión que tomou el e eu tamén a respecto. Cada un sabe onde estivo e onde ten que estar.

Pero non te parece triste que figuras do socialismo como Paco Vázquez, Pachi Vázquez en Ourense ou Manuel Martínez en Lugo acaben dese xeito...
Si, certo. Ou Soraya Rodríguez, tamén. É triste, si. Hai xente que, aínda que remate o seu ciclo político no partido seguen traballando. Aí tes o caso de Pepe Blanco, por exemplo. Non repite como eurodeputado pero aí está traballando. Uns deciden seguir traballar e outros marchan.

Entraba no tema de Paco Vázquez porque no seu día tivo seis maiorías absolutas e o seu voto era moi transversal. Que pasou para que a xente deixara de votar ao PSOE e hoxe estea tan dividido?
Eu non creo que estea tan dividido. No 2011 perdimos as eleccións municipais e non foi por mala xestión municipal. Foi o momento malo do PSOE que levou por diante a moitos alcaldes socialistas e, a partir de aí, tivemos que situarnos e recolocarnos. Tivemos anos difíciles e agora volvemos a recuperar a ilusión e o liderato político e tamén a transversalidade. A min párame a xente e tamén me expresa que cando mellor lle foi á cidade foi co PSOE. Por iso non hai que dividila entre bos e malos. E a xente iso xo sabe.

Supoño que conseguir esa transversalidade será o teu gran reto. E como se unen esas pastas diversas que un día estiveron unidas?
Pois cun modelo de cidade na cabeza. E eu e o PSOE xo temos.

E cal é ese modelo?
Pois apostar por un modelo de cidade e construílo de abaixo a arriba. Empezar polos barrios. Agora están deprimidos, sucios, sen vida. Por iso hai que revitalizalos e volver cohesionar socialmente a cidade e compactala culturalmente. Crear unha rede de centros cívicos. Apostar polas asociacións de veciños que non se lles pode chamar orcos. Antes tiñan unha importancia fundamental. Petaban á porta do alcalde e tiña que saír a falar con eles. E iso hai que recuperalo.

Pero a min este discurso teu soame moito ao de Xulio Ferreiro no 2015?
Pero se logo falas e non o fas e aos dous meses un señor que tes contigo chámalle orcos aos funcionarios municipais e ás asociacións de veciños ás que acusa de estar politizadas pois comezas xa enfrontándote directamente con sectores importantes da cidade. Por iso é imposible que se leve a  bo porto ese modelo de cidade que dicía que ía defender.

E ti cres que esa persoa que lles chamou orcos intoxicou a relación entre a veciñanza e o concello?
Non vou falar de persoas concretas. Falo dese exemplo porque á cidade doeulle moito.

Entendo que esa persoa é unha persoa importante do equipo de Ferreiro...
Pero eu agora non quero personalizar. A Marea Atlántica supoño que é un grupo de persoas e non só  un asesor concreto. Supoño que se tomarán as decisión dun xeito máis colexiado e en común. Quedaría alucinada se as decisións só as toma unha persoa. Esa non debería ser a política da xente do común. É impensable que exista unha persoa que dirixa a cidade desde a sombra. Ou eu, polo menos, non quero acreditar niso.

Volvendo a Paco Vázquez. Semella que ese dinamismo que había na Coruña dos noventa agora trasladouse a Vigo cun acalde que vai camiño de ter miorías abafantes
E nunha cidade moi, moi complicada.

Efectivamente. E ademais ten un sobriño que é o secretario xeral do PSdeG. Non temedes que o polo socialista se traslade ao sur de Galicia?
Certo. Perdimos liderato político na Coruña.

"Eu non lle vou a votar na vida a Feijóo, pero eu tereime que sentar con el"

E como se recupera?
Pois recuperase de dúas maneiras; con diálogo social con veciños e empresarios. Teño que atraer investimentos e apostar polas TICs, polas empresas 3.0, por crear un gran polo industrial que sexa o motor da área metropolitana. Iso vai xerar emprego e eu, que son do PSOE, tereille que dicir aos empresarios que eu doulles facilidades e capto empresas e seguridade xurídca. Pero tamén quero emprego de calidade, estable, salarios dignos e tamén para as mulleres. E logo tamén recuperar o diálogo institucional que está morto. E por iso non temos estación intermodal ou centros de saúde. Eu non lle vou a votar na vida a Feijóo, non comparto nada con el, pero eu tereime que sentar con el  e sentarei con el. E, se podo, unha vez ao mes porque digo eu que terá que ter, como mínimo, tres horas ao mes para adicarlle á unha das cidades máis importantes de Galicia. E tampouco pode vir Feijóo, de costas á cidade, e asinar un acordo coa Autoridade Portuaria para darlle unha labazada a Xulio Ferreiro porque a quen llela está dando é a cidade.

De feito, o propio Xulio tense queixado dese ninguneo por parte da Xunta á cidade e logo que non atopou interlocutores en vós...
Bueno. Iso é que tampouco os buscou. Iso non é verdade. Eu non compro a posición vitimista de Xulio Ferreiro. Nin eu, nin os veciños.

E despois do 26, se el ou ti non tedes lista maioritaria, ides sentarvos a falar?
Eu aspiro o día 26 a ter un respaldo maioritario para sacar adiante un proxecto de cidade sen hipotecas, peaxes ou chantaxes. E, a partir de aí, eu estou disposta a consensuar e falar sobre os grandes proxectos da cidade. Eu penso que hai puntos nos que estamos dacordo os catro partidos e, porque non os imos sacar adiante dialogando entre todos?. O PSOE xa demostrou que pode falar con todos. As portas do PSOE, se eu son alcaldesa, estarán abertas a todos para dialogar e falar.

Sexa no goberno, sexa na oposición?
Eu estou disposta a falar onde os cidadáns decidan colocarme, sexa na alcaldía ou sexa na oposición. Isto é así. Pero ata o 26 pola noite non o saberemos.

En todo caso, Inés, supoño que o que non permitirás sexas ou non alcaldesa é que goberne a dereita na Coruña?
Iso estou en disposición de aseguralo. Se de min depende non haberá goberno de dereitas na Coruña. Ese goberno é o que queren PP, Ciudadanos e Vox. PP o di coa boca pequena, Cs coa boca máis grande e Vox agarda cos brazos abertas a Bea Mato.

E ti cres que a ultradereita terá representación na Coruña?
Eu agardo que non, pero as enquisas apuntan a un repunte.

Menos as de La Voz...
Pero as enquisas están aí. Por iso, advirto que se puxemos freo á dereita o 28 de abril, tamén o temos que facer o 26 de maio. E, ollo, que non volva o cabalo de Abascal coa dereitona de Pablo Casado que é a de Aznar e tamén a de Bea Mato que, agora, quere ocultar as siglas.

Sería triste que puidera entrar a ultradereita nunha cidade como A Coruña...
Para min si. E indicaría que estamos errando nalgo e neste momento non podemos errar nos dereitos das persoas, das mulleres e dos cidadáns.

Hai un tema que a min como xornalista me interesa bastante e que xa algúns candidatos tamén, agora, non teñen problema en dicilo, que é o papel que certos medios de comunicación públicos e privados están realizando nesta campaña a favor de determinados partidos políticos. En concreto, na Coruña, xente da Marea Atlántica apunta directamente a La Voz de Galicia. Que opinas ti?
Eu son moi, moi respectuosa co traballo dos xornalistas.

Non falo de xornalistas, falo da política editorial de determinados medios
Eu creo que hai que ser respectuosa cos medios. Eu penso que teño unha boa relación cos medios sexan dunha ou doutra liña editorial, tanto de esquerdas como de dereitas. Creo que a relación e a política cos medios ten que ser fluída e respectar a liña editorial e ideolóxica dos medios. Hai días que, a nivel persoal, gústanche máis ou menos certos titulares porque os medios teñen as súas liñas editoriais.

Pero hai grandes medios que están apoiando claramente á dereita e tamén ao BNG...
Mira o que está pasando coa TVG, por exemplo, co vídeo promocional de Bea Mato no Telexornal. Iso é escandaloso.

Efectivamente, a TVG, pero tamén La Voz de Galicia
Un é público e o outro é privado. E iso é o que fai Feijóo cos medios que controla.

Xa para ir rematando, que agardas destas eleccións?
Pois que apostemos polo avance e o progreso, tal e como se fixo o 28 de abril. Na Coruña fomos a primeira forza política logo de moitos anos. Tamén en Galicia e creo que por iso hai que volver a apostar polo PSOE porque foi quen lle puxo freo á ultradereita e as outras dúas dereitas que queren pactar con ela.

Quen lle ía dicir ao PSOE este escenario, non?
Si. A vida cambia, a política é cíclica, especialmente, neste momento tan convulso daqueles que veñen con discursos de odio que son discursos perigosisimos.

Pois nada, Inés, que teñas sorte
Graciñas

Inés Rey
Inés Rey | Fonte: fedellando.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta