Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2019 | Actualizada ás 13:00
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso interposto por Anfaco e manterá a instrución que insta os operadores do sector a que retiren das súas etiquetas calquera alusión a Galicia ou que puidese evocar a Mexillón de Galicia, a condición de que o ingrediente non estea amparado pola Denominación de Orixe Protexida (DOP).
Esta instrución, presentada de maneira conxunta polas Consellerías de Mar e Medio Rural e de Economía e Industria manterase a pesar da reclamación de Anfaco.
Tal e como explica Mexillón de Galicia nun comunicado, a alternativa que se lles ofreceu a quen non quixesen cambiar estas identificacións é a de utilizar o termo 'Mexillón certificado pola DOP'. Do mesmo xeito, lembra tamén que o prazo establecido para que as empresas regularicen as etiquetas era dun ano.
"Respondíase así ás continuas demandas de Mexillón de Galicia para que se cumprise a lei, peticións que foron referendadas pola resolución da Audiencia de Pontevedra 41/2016 que sinalaba que a utilización das expresións 'Das rías galegas' ou 'Envasado en Galicia' en mexillóns en conserva comercializados por empresas que non pertenzan á DOP supón unha infracción da normativa de protección", explica.
RECURSO DE ANFACO
Ante esta instrución, Anfaco presentou o 24 de outubro de 2018 un recurso ante Consumo no que solicitaba a revogación da mesma, así como a suspensión dos requirimentos realizados ás empresas para que adaptasen as súas etiquetas á normativa ou que, alternativamente, utilizasen a denominación 'Produto amparado pola DOP'. Despois de ser os recursos rexeitado por Consumo, Anfaco levou o asunto ao TSXG.
De novo, a petición de Anfaco foi rexeitada e, no auto, o TSXG explica que "o prazo dun ano dado pola Xunta para modificar a etiquetaxe foi suficiente para evitar un prexuízo ás empresas", segundo expón a DOP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.