Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 04/06/2019 | Actualizada ás 22:00
En Galicia, os estudantes de grao e mestrado realizan en moitas ocasións prácticas. Remuneradas ou non remuneradas, voluntarias ou obrigatorias, as prácticas en empresas son unha etapa ineludible para moitos estudantes á hora de conseguir o título.
Dependendo das carreiras ou da vocación dos estudantes, profesional ou investigadora, estas prácticas en empresas, entidades ou na propia universidade son de maior ou menor valor para o estudantado. Estes períodos nos que os universitarios e universitarias se incorporan á vida laboral permiten coñecer máis de preto as funcións para as que se está formando, como realizalas de xeito adecuado e facer contactos, entre outras vantaxes. Porén, tamén teñen os seus inconvintes, sobre todo, en canto á forma na que están reguladas.
Fai pouco máis de un mes, o pasado 24 de abril, a asociación Xuntas por Políticas convocaba o peche da Facultade de Ciencias Políticas da USC para denunciar o estado de abandono das aulas e outras cuestións de índole administrativa. Os problemas de conciliación coas prácticas eran un dos puntos do día. O estudantado de Ciencias Políticas ten que realizar 550 horas de prácticas non remuneradas que, tal e como explicaba unha das persoas da asociación, son moitas veces incompatibles coas xornadas laborais de estudantes que necesitan traballar para pagar os estudos.
"CONTRATO DE FORMACIÓN"
As persoas que realizan prácticas dentro dun mestrado ou grao teñen polo xeral o que se denomina un "contrato de formación". Este tipo de contrato diferénzase dun "contrato en prácticas" en que o salario é moito menor ou directamente non existe. Ademais, non conleva o dereito ao subsidio por desemprego. Actualmente, os estudantes traballan nuha proposta de cambio de plan de estudos para reducir a duración das prácticas. "Seguirían sendo obrigatorias xa que nun principio non imos entrar niso pero sí que queremos reducir o tempo das prácticas, somos a facultade que máis horas temos de toda España", explica Tamara Abreu, de Xuntas por Políticas.
No regulamento da USC, establécese que os horarios das prácticas deben ser compatibles coa actividade académica, formativa e de representación e participación desenvolvida polo estudante na universidade pero non se fai referencia á unha ocupación laboral previa.
Nesta normativa tamén se recolle que os estudantes en prácticas non poderán realizar tarefas de responsabilidade na entidade colaboradora, nin as propias e exclusivas do seu persoal e que a entidade colaboradora non poderá cubrir co estudante en prácticas ningún posto de traballo, nin sequera con carácter eventual ou interino. Fontes consultadas en dereito laboral afirman que o incumprimento destas normas é denunciable pero que por desgraza, moitas empresas se aproveitan e ninguén chega a poñer a denuncia.
AS EXPERIENCIAS
Entre o estudantado hai experiencias de todo tipo, dende os que consideran que son un elemento indespensable para a súa formación ata os que denuncian que as empresas se aproveitan en ocasións desta situación para aforrar en persoal.
Alba Feijóo estuda Educación Infantil na Universidade de Vigo. Nesta carreira as prácticas son obrigatorias e teñen unha duración de seis meses, cun horario de 8h diarias. “Estaba cunha titora na aula e podía realizar todas as súas funcións sempre coa súa supervisión”, explica Alba. "Na miña carreira é máis que necesario, é onde ves se tes vocación ou se non vas ser capaz de aguantar unha clase ti soa".
Iván Lozano estuda química na Universidade de Santiago de Compostela e este ano fará prácticas por primeira vez. Na súa facultade son de carácter optativo e non remuneradas. “A un químico que non saiba moverse nun laboratorio soamente lle queda estar diante dun ordenador”, afirma Iván, “teño ganas de facelas por iso mesmo”. Durante o grao, o alumnado de química ten prácticas en laboratorio, porén, para os estudantes non ´é o mesmo. “É coller experiencia que aínda que na facultade temos practicas en laboratorio, non será parecido a un laboratorio que estea especializado nunha rama específica da química”, explica Iván.
En historia as prácticas tamén son de carácter optativo e non remuneradas. “Podes elixir entre as prácticas e dúas materias”, explica Claudia Gómez, que rematou Historia fai dous anos. “Eu decidín facelas e foi unha experiencia moi interesante, aprendín un montón”, explica Claudia, “creo que na miña carreira son necesarias se queres ir pola vía de museos”. Pese que as ve como un elemento esencial na súa formación, Claudia reivindica que sexan remuneradas.
Paula Martínez rematou o ano pasado Xornalismo e realizou prácticas en varias empresas e no gabinete de Comunicación da USC. No seu caso eran todas optativas. “Prácticas ou materias e eu elixín prácticas, sempre prácticas”, explica. Paula decidiuse a facelas porque cre “que é a mellor forma de aprender e coñecer como é realmente o oficio”. No seu caso ao realizar as prácticas recibía unha bolsa económica. “A facultade de Xornalismo da USC sempre garantiza que todas as prácticas sexan remuneradas”, afirma Paula, “ademais, hai unha oferta de empresas moi ampla para grao”.
"NAS PRÁCTICAS É ONDE REALMENTE APRENDES"
Joaquín Abraldes realiza o mestrado de comunicación tamén na Facultade de Xornalismo. “Considero que as prácticas son absolutamente necesarias”, afirma, “o mestrado é demasiado teórico e nas prácticas é onde realmente aprendes”. Joaquín explica que, ao vir dunha carreira que non é do ámbito da comunicación, necesitaba realmente ver como era traballar como redactor.
En Óptica e Optometría, na USC o alumnado realiza prácticas en diferentes centros ofertados pola facultade durante o último ano de carreira. Son tamén de carácter obrigatorio. No máster que acaba de instaurarse nesta facultade tamén se ofertan prácticas de carácter obrigatorio. Juan Otero, alumno de mestrado, decantouse por facelas na universidade porque non entrou na súa primeira opción por media e afirma que non se arrepinte. “Sabía que ía ser clínica pura, cada un cos seus pacientes, como se estivésemos traballando xa nunha clínica e que iso podía aportarme moita soltura”, explica Juan. Afirma que, aínda que cada un trataba aos seus propios pacientes, estaban sempre supervisados.
Manuel Pereira está a facer o mestrado de avogacía na Universidade de Vigo e recoñece que neste ámbito as prácticas son de gran axuda. Durante este curso tivo que realizalas con un procurador e no Rexistro Civil. “Nas nosas prácticas somos máis como espectadores máis que actuar nós mesmos” , explica, “serven un pouco para ampliar a visión xurídica, como van os procedementos, que se fai nestas oficinas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.