Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2019 | Actualizada ás 17:46
A Xunta reunirá este luns á Comisión de Xogo para facer entrega do borrador da nova lei do sector que ten como obxectivo principal "reforzar os controis e fomentar o xogo responsable". O texto inclúe aspectos reclamados tanto polas asociacións de ludópatas, como polo propio sector.
A nova normativa introducirá a limitación do número de salóns de xogo e casas de apostas que se poden instalar en Galicia. Este mesmo mes, o Consello da Xunta xa aprobou un acordo para limitar as autorizacións e evitar especulacións antes da entrada en vigor desta nova lei, segundo informou o Goberno galego a través dun comunicado.
Así, o número de autorizacións en ambas as tipoloxías estará limitado --igual que no acordo aprobado transitoriamente-- ás que xa existen na actualidade e ás que están en tramitación. O límite será de 118 salóns de xogo (97 xa en funcionamento e 21 expedientes pendentes) e 41 casas de apostas, todas funcionando e sen ningunha solicitude en tramitación actualmente.
Por outra banda, dotarase dunha planificación de autorizacións a estes dous tipos de establecementos, xa que os casinos e salas de bingo xa contaban cunha regulación destas características. De feito, vanse a modificar as normas das salas de bingo, que ata agora se configuraban en función da poboación. O novo texto fixará un máximo de 12 establecementos.
NOVIDADES
Outra das principais novidades será a limitación do parque de máquinas recreativas e de máquinas de apostas. Actualmente, cando unha máquina se daba de baixa definitiva, podíanse autorizar novas ata chegar ao límite establecido. Coa nova normativa, as máquinas que se dean de baixa irán reducindo o límite máximo en proporción correspondente e non se poderán dar novas autorizacións.
Desta forma, e na mesma liña de establecer unha oferta respectuosa e responsable, ampliaranse as distancias entre establecementos de xogo. Desta forma, manteranse os 150 metros de distancia entre os establecementos de xogo e centros escolares con menores de idade, pero cambiará o sistema para medilos.
O novo sistema de medición realizarase de forma radial, polo que, na práctica, "será maior". Ademais, unificaranse as distancias que deben separar os distintos establecementos. Na normativa vixente, fíxanse 300 metros de distancia co mesmo tipo de local. Agora fixaranse 300 metros entre calquera tipo de establecemento de xogo, sexa cal for.
PUBLICIDADE E SANCIÓNS
En canto á publicidade, só se permitirá aquela que sexa en prensa escrita e limitada a supostos concretos e taxados na norma, así como nos locais específicos de xogo. A nova normativa tamén actualizará o réxime sancionador, cunha nova remuneración das faltas moito máis adaptadas á situación actual. Ademais, aclararase dunha forma máis eficaz quen é a persoa responsable da infracción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.