Tentando vivir no rural entre grandes muíños eólicos

"O Silencio dos Eólicos" é a última cinta do xornalista e cineasta Aser Álvarez. Unha producción que indaga nas transformacións da vida rural e dos retos para poder subsistir no campo galego.

Por Galicia Confidencial | San Sadurniño | 08/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cineasta e xornalista Aser Álvarez, residente en Compostela e fundador da produtora Arraianos Producións, está de volta cun dos seus documentais, "O Silencio dos Eólicos", o retrato dunha familia de gandeiros de vacún que habita "nun lugar onde só viven eles, gañándose a vida dignamente e criando aos seus fillos no rural".

Un dos protagonistas do Silencio dos Eólicos, sobre a vida nunha granxa galega rodeada de eólicos
Un dos protagonistas do Silencio dos Eólicos, sobre a vida nunha granxa galega rodeada de eólicos | Fonte: Festival de San Sadurniño

Realizou o profesional esta película para o festival Chanfaina Lab ao que foi convidado, que é "un proxecto moi fermoso" que fascina ao creador porque se organiza no pequeno concello coruñés de San Sadurniño, ou "Sansa", e serve "para documentar o patrimonio material e inmaterial desa zona e convidar os veciños a facer cinema e a que vexan pezas audiovisuais sobre a súa realidade realizadas por cineastas foráneos".

Moitos directores de prestixio van ao municipio a facer os seus traballos, pero tamén hai xunto a eles artistas locais como Cruz Piñón e Abel Veiga, dous dos que o director Álvarez declárase fan incondicional e define como persoas "cheas de talento e frescura, que se animan a facer cinema grazas ao festival".

"VIDA DIGNA NUNHA ALDEA"

No marco deste orixinal evento, Álvarez elaborou este curto documental, no que retrata a unha familia diferente, que se dedica a producir leite de vaca e que "realmente son un exemplo de vida digna nunha aldea remota de Galicia, nun lugar no que non hai ninguén máis á parte deles, na Serra de Forgoselo".

Aser Álvarez gravando O Silencio dos Eólicos, sobre a vida no entorno rural
Aser Álvarez gravando O Silencio dos Eólicos, sobre a vida no entorno rural | Fonte: Festival de San Sadurniño

A casa da familia Arnoso está á beira dun parque eólico, "polo que o forte son que facían os ventiladores ao amencer chamoulle a atención, relata, "pero máis aínda un día que non sopraba o vento e estaban parados".

Preguntoulle ao protagonista da historia se non lles incordiaba o ruído que facían e obtivo por resposta que "o que molesta é que deixen de soar", xa que están "habituados a escoitalos e o raro é que non soen".

Por iso pareceulle que "O silencio dous eólicos" era o mellor título para aquela peza audiovisual gravada nun lugar tan peculiar e editada polo seu "socio e mestre", Plácido Romeu.

O PODER DOS EÓLICOS

"Sempre falamos dos eólicos como unha enerxía limpa pero realmente discrepo desta idea, e téñolles bastante teima porque no noso país empezaron a plantar eólicos indiscriminadamente sen importar a paisaxe", argumenta, aínda que recoñece que ao mesmo tempo tamén lle atraen visualmente eses "xigantes ruidosos".

É por iso que con esta peza pretende "convidar a soñar que outros modelos de desenvolvemento rural son posibles e desexables". Defende a mensaxe "dunha Galicia non só chea de eólicos e de eucaliptos ou granxas intensivas de porcos e pitos, senón un país cheo de xente nova vivindo do aproveitamento multifuncional da terra e do gando, respectando o medio e criando aos seus fillos no rural".

Alegación que pon de manifesto o compromiso do polifacético xornalista co rural, ao igual outros dos seus múltiples proxectos como o Festival de Cinema Rural Carlos Velo, que xurdiu "froito da necesidade de abordar a crise do mundo rural desde unha perspectiva contemporánea, orixinal e creativa".

Con esta mesma idea creou a feira FICRural, que será este ano na segunda quincena de setembro en Santiago, converténdose en "un foro de intercambio e divulgación de experiencias innovadoras contra o holocausto do rural".

O RURAL

"O rural non é un sinónimo de atraso senón todo o contrario. Cultura vén de cultivar, de traballar a terra, algo que se nos esquece. Cando falamos de cultura pensamos que falamos de algo elitista, cultureta, urbanita e posmoderno, pero non é así", reflexiona este documentalista. Sen dúbida o documental é o xénero que sobresae na súa carreira, e considera que "é unha ferramenta útil e moi necesaria no momento actual, sobre todo para facernos pensar".

A pesar de ter un extenso percorrido, con traballos de éxito como "100% CEF", polo que conseguiu un Mestre Mateo, ou a longametraxe "Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro", entre outros, confesa que non se considera un cineasta, senón un "simple aprendiz que aspira a contar historias".

Sen abandonar o seu defensa do medio rural, Álvarez segue embarcado en diferentes proxectos "para seguir soñando con cambiar o mundo, pois con pequenas iniciativas pódense remover conciencias", polo que sentencia que "oxalá houbese un Chanfaina Lab en cada concello rural de Galicia, porque o pequeno é fermoso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Seara

O que é difícil é tentar vivir no rural sen ter que aturar a visión dises aparatiños en todos os montes do país... E pagar a electricidade coma se fósemos ricos navarros... Farto me teñen os eucaliptos e os trebellos ises por todas partes!