Irregularidades en listas de contratación da Xunta poden deixar sen indemnización a traballadores de Seaga

A Xunta de Galicia modificou as condicións para entrar no seu servizo contraincendios. O sindicato CSIF apunta que os cambios no decreto de contratación foron feitos de maneira unilateral polo goberno galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O sindicato CSIF enviou unha nota de prensa para denunciar “as irregularidades do novo baremo aplicado para as  listas de contratación” da Xunta de Galicia.  “As listas están reguladas polo decreto 37/2006 que regula a contratación de persoal funcionario interino e persoal laboral” apunta Juan Carlos Rivas, do sindicato CSIF.

Protesta de brigadistas de Seaga en Santiago
Protesta de brigadistas de Seaga en Santiago | Fonte: EP

Rivas apunta que “o problema que houbo coa Xunta de Galicia é que modificou o decreto de listas co voto en contra desta central, e o luns pasado publicou xa no DOG a modificación do decreto e entrou en vigor este martes pasado”. “Coa modificación recalcularon o baremo de méritos e puntos dos candidatos”. Juan Carlos Rivas apunta que “nesa modificación unilateral reduciron o valor dos servizos prestados para a Xunta de Galicia”.

Así explica que “por exemplo no sector de contraincendios, antes puntuaba 0,45 o mes traballado para a Xunta de Galicia e 0,25 o mes traballado para concellos ou mancomunidades. Coa modificación “agora pasa a ser 0,30 o mes traballado para a Xunta e 0,15 o tempo para concellos e mancomunidades”. A isto súmanlle “como novidade a introdución da valoración dos servizos prestados para contraincendios en Seaga”

SEN POSIBILIDADE DE RECLAMACIÓN

A nova baremación e a nova puntuación fixéronse sen establecer un prazo de reclamación ou alegación, facendo que a xente con erros na súa puntuación presente recursos de alzada ante o conselleiro de Facenda” denuncia Rivas.  “Isto é totalmente irregular porque non cumpre a normativa dun procedemento administrativo porque ten que haber un prazo de alegacións, así o establece o mesmo decreto das listas”.

O procedemento habitual é que “haxa unha lista provisoria de méritos, haxa prazo de alegacións, revisión das alegacións, corrección das alegacións e logo preséntase a lista de puntuación definitiva”. Mais agora denuncian que “neste caso a lista entrou como definitiva” ademais de que “hai unha multitude de erros, que moita xente ten menos puntos que os que lle corresponde mais non sabemos por que é así”.

“Onde está o problema coa contratación dentro do servizo contraincendios? Pois que agora vaise abordar a contratación de máis de 500 postos de traballo estruturais a través destas listas de contratación, postos que nos sucesivos anos, as persoas que accedan a eses postos, van quedar con eles, entarían a traballar cada ano seis meses” declara Juan Carlos Rivas.  “E mentres non se cubran eses postos por oposición, estas persoas estarán moitos anos ocupando estes postos de traballo”.

Sen prazo de reclamación por estar mal realizada, e realizando contratacións en dez ou quince días cunhas listas mal elaboradas “a xente que tiña que coller o seu posto de traballo non o vai coller e xente que non tiña que collelo vaino coller”.

“Consideramos que as datas en que se fixo esta lista é precisamente para isto, para impedir a reclamación dos lexítimos aspirantes a eses postos de traballo e favorecer que outras persoas podam acceder a eses postos” declara Juan Carlos Rivas

Os  servizos xurídicos do CSIF están estudando a impugnación destas cualificacións, “mais por moito que apuremos, non daremos feito a tempo antes de que chamen para encher esas prazas e antes da resolución do xuíz”.

En correspondencia co que acontece en Seaga é que “lle quitan a encomenda de extinción de incendios, e por tanto, eliminarán máis de 500 postos de traballo, de persoas que facían labores de extinción”. Eses traballadores denunciaron a administración galega por “fraude nas contratacións por abuso da temporalidade, moitos e moitas traballadoras de Seaga son indefinidos non fixos”.

O sindicato deduce que “a administración cambia o baremo para favorecer a entrada a traballadores dentro de postos da Xunta e así renuncien a Seaga para evitar indemnizalos, aforrando o diñeiro das indemnizacións”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta