Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 16:55
A 'Enquisa da Enfermaría galega precaria' levada a cabo polo colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita sitúa a media de contratos asinados no último ano en 24 por persoa, pero chega a haber xente superou os 300.
Segundo o informe —realizado entre o 11 de marzo e o 16 de maio de 2019 con 735 enquisas válidas—, o 89 por cento das enquisadas "considérase en situación de precariedade laboral", mentres que "só un 2,2% opina non ter un traballo precario".
Destas persoas, reflicte a enquisa, a media de anos que pasan anotados nas listas é de 8,14", sendo "24 os anos do que máis tempo leva" e inferior a un o de menor permanencia. "Un 78,7% dos enquisados leva nas listas cinco anos ou máis, un 44,4% do total leva 10 ou máis", concreta o informe de Enfermeiras Eventuais.
Dos enquisados, un 19,2% ten unha vacante ou comisión fronte a un 80,8% que non. Os primeiros levan con ela unha media de 3,2 anos, pero para conseguila "tiveron que pasar 12,2 anos desde que sumaron o seu primeiro contrato no Sergas", matiza a enquisa.
As conclusións do documento expoñen que a idade media dos traballadores eventuais do Sergas, segundo datos do INE, "coincide co momento no que a muller adoita ter o seu primeiro fillo", apunta Enfermeiras Eventuais.
NATALIDADE
"Que o 89% dos enquisados se considere traballadores precarios está en relación directa coa baixa natalidade, sempre segundo datos da Comisión Europea, polo que darlle fin á precariedade laboral da profesión enfermeira, poderá favorecer á natalidade galega", destaca o colectivo que publica a enquisa.
Enfermeiras Eventuais incide en que o tempo medio que debe pasar un profesional de enfermaría para optar a unha vacante segundo os enquisados sitúase en 12,2 anos, "tendo en conta que unha vacante non é estabilidade como en moitas ocasións expresou a Xunta".
"A eventualidade na enfermaría galega non é algo puntual, é algo que vivimos cada día miles de galegos, que sosteñen un sistema de saúde que sen o persoal eventual viría abaixo", considera este colectivo de enfermaría.
Por iso, cre que "o tempo de estar na escuridade rematou". "Agora é tempo de coidar a quen che coida. É tempo de coidar á enfermaría", conclúe.
O 89,12% das persoas enquisadas foron mullere e un 10,9%, homes. Do total, un 73,7% non ten fillos e a súa media de idade sitúase nos 32,2 anos, sendo 21 anos a idade do máis novo e 54 a do máis maior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.