Monte Neme, á procura da foto "cool" no epicentro dunha gran ferida medioambiental

Detrás desta mina abandonada hai unha triste historia, como a doutras partes de Galicia. Unha mina abandonada que segue contaminando os acuíferos da zona. A pesar de que está prohibido acceder a ela, ata hai pouco, Turismo de Carballo e a propia Xunta animaban a visitar a zona e os instagrammers, tolos polas fotos, acoden na procura do seu ego fotoxénico alleos ao desastre medioambiental que os rodea.

Por Xurxo Salgado | Carballo | 15/07/2019 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A lagoa do Monte Neme está converténdose no lugar de moda da Costa da Morte. As súas augas de cor azul verdosa están causando furor entre os mozos e mozas nas redes sociais. Un furor por sacar a foto e o “selfie” que pode ter consecuencias, pois o acceso á zona, unha antiga mina, está prohibido.

Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). SALVEMOS A CABANA
Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). SALVEMOS A CABANA

O azul turquesa desas augas non é o azul turquesa do Caribe, aínda que moitos xoguen nas redes sociais a facer comparacións. As augas da lagoa do Monte Neme collen a súa cor dun fosfato hidratado de aluminio e cobre e con altos índices de circonio, un material tóxico. E é que no Monte Neme hai presenza, ademais, de estroncio, de rubido, cinc, chumbo, cobre, oxido titánico ou oxido de manganeso. Son o froito da longa actividade mineira que se deu nesta zona desde hai case cen anos.

O paso á antiga mina está prohibido, pero hai tempo que desapareceron ou están polo chan os carteis que alertan desa prohibición e da perigosidade que supón toda esa zona mineira. “Parece que non hai interese en pechar toda esa contorna. Nin á Xunta, nin aos actuais propietarios lles interesa facelo”, quéixase Ana Varela, secretaria da Asociación Petón do Lobo, unha das máis combativas na zona sobre os efectos nocivos desa mina abandonada.

Actualmente, os terreos da mina pertencen a varios propietarios de montes que seguen recibindo un alugueiro por eles, aínda que non hai actividade mineira desde a disolución, en 2012, de Leitosa SAU, a última mineira que explotou a mina. “Supoño que hai a quen lle interesa seguir pagando por se no futuro se pode seguir explotando e tamén para non restaurar a zona”, apunta Ana Varela.

CONTAMINACIÓN DE ACUÍFEROS

Petón do Lobo leva denunciando desde hai tempo a contaminación dos acuíferos de toda a comarca. Hai un tempo xa se fixera un estudo sobre os materiais de arrastre da mina que ían parar ás praias de Baldaio o Razo, en Carballo, e xa se constaba A presenza de elementos químicos. Por iso, critica que se siga permitindo a entrada a unha mina que está contaminada. “Deberían pechala”, sentenza.

Fotografía no Monte Neme
Fotografía no Monte Neme | Fonte: INSTAGRAM

Con todo, o aluvión de visitas a Monte Neme  non é novo. Hai tempo que a propia oficina de Turismo de Carballo e Turismo de Galicia aconsellaban, nas súas webs ou nos folletos informativos da zona, visitar este lugar. “Pero protestamos e agora xa non o fan”, destaca Ana.

Con todo, son centos as persoas que nos últimos meses acudiron ao lago en busca da súa foto “cool”. Unha foto que pode custar caro, xa non tanto, pola toxidade da zona, senón polos perigos que existe camiñar por unha mina abandonada. “Se hai un accidente grave na zona entón si que haberá moitos problemas... xa verás. E os responsables serán os propietarios porque tanto os concellos de Carballo e de Malpica, ao igual que Augas de Galicia e Minas de Galicia van lavarse as mans”, advirte.

PERIGOS

Tras o seu abandono, Monte Neme segue sendo un perigo en potencia pola gran cantidade de lodos tóxicos que contén e pola fraxilidade e a falta de mantemento ou rexeneración deste espazo abandonado. De feito, en 2014 xa houbo un gran susto. Unha das súas balsas fendía e provocaba o vertido de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos mineiros  as parroquias coruñesas de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). Aqueles danos foran valorados preto de 1,5 millóns.

En 2018, Augas de Galicia abría un expediente sancionador en materia de verteduras de augas residuais a Leitosa, S.A.U., a empresa que xestionaba a mina de Monte Neme. Sen embargo, o expediente quedou en nada porque a empresa non existe. Leitosa SAU acabou suspendendo pagos en setembro de 2012, antes de aplicar plan de restauración na zona. O xuíz ordenou entón a disolución da concesionaria. No auto de conclusión do concurso, especificaba que Leitosa, empresa no seu momento vinculada á familia Cotino do PP valenciano --que tamén está salpicada pola trama Gurtel-- non tiña bens cos que poida atender a débeda cos seus acredores.

Desde entón, Petón do Lobo e outras entidades da zona, veñen pedindo con insistencia que se rexenere toda a mina e que se recupere a rica historia que hai asociada á contorna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 sermos mantidos

No Carballo do BNG? E coinciden co Partido Podre? En modelo turístico, ambiental, cultural, económico... Son sistema! E tragan todos cando se soben o soldo, colocan asesores, reparten postos, e negocios particulares (eu para os consellos de administración, ti situas liberados sindicais). O reparto sistémico coa complicidade necesaria dentro da casta! Hai que desrratizar!

1 Rusiña

Ti si que es tóxico farfallando contra o BNG en toda canta nova hai. O teu concello será o máis ecoloxista e chupiguai de Galiza...