Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/07/2019 | Actualizada ás 21:45
As últimas secas en Galicia acenderon a alarma. Entre 1981 e 2018, as precipitacións aquí minguaron notablemente, cunha taxa de variación de -1,54, a maior en toda España. Son datos do informe 'Evolución de las precipitaciones en España', con datos da Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), publicado polo Observatorio de la Sostenibilidad. Pontevedra é a provincia onde máis caeu a taxa de precipitacións en todo o Estado, un -2,11, e as catro provincias galegas sitúanse entre as seis que máis viron reducirse as choivas nos últimos 38 anos.
Entre 2016 e 2018, Galicia viviu episodios de seca alarmantes que fixeron activar protocolos de actuación para mitigar o seu impacto. Segundo os datos recollidos polo profesor Álvaro Francisco Morote Seguido, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e Sociales da Universitat de València, a redución de precipitacións en Galicia neste período “foi ao redor de 500 mm (un descenso do 28-49%, en función do observatorio)”, pero co paradoxo de que “os principais problemas se rexistraron xustamente en áreas onde esa redución foi menor”.
O profesor vén de publicar un traballo no que analiza os efectos das secas, a súa mitigación e a vulnerabilidade fronte a este risco na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Para isto, fixo unha revisión das pasadas secas na área, a consulta e análise da planificación hidrolóxica e unha valoración das fases e medidas implementadas durante a seca entre 2016 e principios de 2018.
Malia que o novo escenario levou a un “notable avance na mitigación dos efectos das secas en Galicia-Costa, con todo, diferentes problemas estruturais como a falta de infraestruturas, mantemento e deficiencia dos abastecementos, entre outros, fan que esta rexión sexa máis vulnerable ás secas que outras rexións cunha menor precipitación e, todo iso, sumado aos posibles efectos futuros do cambio climático”, engade Morote.
O experto insiste nesa idea, ao cualificar Galicia como un “territorio vulnerable e un exemplo claro de mala adaptación á seca e ao cambio climático”.
Galicia, comenta, “enfróntase a un reto a medio prazo para lograr ser un territorio máis resiliente ao cambio climático, feito que xa se constatou durante a última década cun maior número de anos secos e unha redución da precipitación media”.
O investigador recorda que “en territorios de clima atlántico, como é o caso da área de estudo, unha redución de 150 mm/ano considérase «ano seco» (unha diminución do 20%)”. Pois ben, “a magnitude de redución da pasada seca en Galicia indica que a diminución global de precipitacións foi duns 500 mm (ano 2017), o que pon de manifesto que se tratou dunha das peores secas dos últimos cen anos”, salienta.
VULNERABILIDADE
Morote considera que “tras este episodio, quedou patente a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento en gran parte da Demarcación de Galicia-Costa”, xa que as principais aglomeracións urbanas, como a área metropolitana de Vigo, e algunhas comarcas do sur de Galicia sufriron restricións, mentres que nas áreas metropolitanas da Coruña ou Santiago de Compostela,” de continuar unhas semanas máis a seca, terían que ter adoptado diferentes medidas como cortes de subministración e a realización de sondaxes de emerxencia para garantir temporalmente o abastecemento”.
Aínda que estes episodios secos son menos recorrentes e de menor duración que noutras zonas en España, como a rexión mediterránea, Morote indica que “a seca non é algo inusual” en Galicia e pon de manifesto que “o risco de seca na área de estudo se incrementou debido ao aumento da vulnerabilidade”. “Por exemplo”, di, “a área de Vigo foi unha das máis afectadas, pero, con todo, non foi onde máis se reduciron as precipitacións (un descenso do 28% con respecto á media de 1981-2010) en comparación coa redución do 49% na Coruña ou o 32% en Santiago de Compostela”.
PRINCIPAIS PROBLEMAS E SOLUCIÓNS
O profesor identifica até sete problemas en Galicia relacionados cos episodios de seca. En primeiro lugar, a “dependencia case exclusiva das augas superficiais (un abastecemento fundamentado na captación de auga dos ríos”. En segundo lugar, sinala “un importante continxente poboacional que se «auto-abastece» mediante pozos particulares”, sobre o cal considera que “o principal problema é que se descoñece con exactitude a poboación auto-abastecida e os recursos explotados”. Como terceiro problema fala da “non utilización de fontes non convencionais (por exemplo, augas rexeneradas depuradas que poden suplir determinados usos que non requiren unha certa calidade”. O cuarto problema é a “falta e mellora de infraestruturas (escasa capacidade de volume de almacenamento nos encoros para consumo, un rendemento da rede de subministración de auga potable baixo, etc.”. En quinto lugar, indica un “incremento da demanda [de auga] nos últimos anos e aumento desta no futuro nas principais urbes”. Outro problema é “a percepción da poboación de que sobra auga e que a seca se trata dunha risco que non adoita afectar o territorio galego. Por último, advirte dos “posibles efectos do cambio climático (secas máis recorrentes e intensas)” que golpearán a Galicia.
Morote avisa de que “hai que prever e minimizar os riscos derivados das secas a través da planificación hidrolóxica ordinaria e a través da coordinación entre as distintas políticas sectoriais como a agraria, a territorial e ambiental, en lugar de recorrer a unha vía excepcional como os decretos de seca que dificultan a aplicación dos principios de prevención (anticiparse aos problemas) e de precaución (dado que estes decretos adoitan aplicar procedementos de urxencia que non facilitan a adopción de solucións ben formuladas e executadas)”.
Por isto, móstrase crítico coas accións emprendidas en Galicia e urxe ás administracións a “levar a cabo e xestionar as políticas hídricas desde unha perspectiva proactiva para dar unha mellor resposta ás situacións de seca e non unha vez que xa se declarou a fase de alarma”.
Considera que “en Galicia-Costa as medidas de adaptación ao cambio climático e á seca deberían integrarse co obxectivo de diversificación dos recursos hídricos e unha maior e eficaz xestión da demanda”. En relación coas primeiras, explica que se debería “apostar por unha maior integración de todos os recursos hídricos dispoñibles (o denominado «mix hídrico»), especialmente os chamados recursos non convencionais”.
Por outra banda, argúe que hai que “cuestionarse o modelo de xestión implantado, fundamentado principalmente na dispoñibilidade das augas superficiais co problema que iso conleva debido á súa condicionalidade aos episodios climáticos”.
Tamén pide “avanzar no coñecemento do estado actual das augas subterráneas”, xa que hai “escasa” información sobre a cantidade e calidade dos recursos, e cuestiona que se siga permitindo a “apertura de pozos particulares e a construción de vivendas sen estar conectadas á rede”.
Con todo, recoñece que “a particularidade da orografía e a dispersión da poboación do territorio galego favorece que non todos os núcleos e vivendas diseminadas sexan fáciles de conectar coa rede de abastecemento” e “igual sucede cos pozos de augas fecais que, ademais, poden contaminar as augas subterráneas que posteriormente son captadas para consumo”.
Outro “problema a resolver”, prosegue, é “a posibilidade do uso da auga dos encoros con destino para a produción hidroeléctrica”, que “representan o 90,8% da capacidade de almacenamento da demarcación”.
Sobre a xestión da demanda, cre que “debería ter un maior protagonismo nas políticas hídricas (non só durante situacións de seca), tendo en conta desde actuacións de fomento do aforro e un maior investimento para mellorar a eficiencia da rede de distribución de auga potable e control da auga fornecida”.
Pero tamén pon o foco sobre a percepción xeral da poboación sobre un recurso que considera “infinito e de baixo custo”, unha idea que hai que mudar para fomentar o aforro de auga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.