Sacar a bailar

Hai días remataron as festas no meu pobo, Riberia. Celébranse na primeira semana de agosto. Cando era pequeno as festas do verán eran moi agardadas: tómbolas, coches de coche, as barquillas…

Por Emilio Martinez | A Coruña | 20/08/2023

Comparte esta noticia
Cada ano unha novidade e cada ano as nosas nais e os nosos país queixándose do moito que subía a vida, do caro que estaban as atraccións. Daquelas festas recordo as dúas orquestras que tocaban cada un dos cinco días que duraban. Unha poñíase na praza do Concello,  que no seu momento se coñecía tamén como Campo do Fraile, e outra poñíase na praza da Igrexa. Íanse tornando nas actuacións e cando unha remataba o seu pase iamos todos polo caleixón de Sinda (que se chamaba así pola panadeira que alí se ubicaba, pechada xa hai algún anos) para a outra praza, e logo cando esta segunda orquestra descansaba faciamos o camiño de volta. 
 
Daquela as actuacións das orquestras estaban moi concorridas. Íase a escoitar e a bailar. Os rapaces sacábamos ás rapazas a bailar o agarrado. Os días anteriores ás festas as conversas cos meus amigos xiraban a ver onde se poría unha ou outra moza, aquelas que a min ou aos meus amigos nos facían naquel momento “tilín”. A pregunta que se repetía era: “E vas pedirlle a bailar?”. Acababamos picándonos os uns aos outros con aquelo, “Non te vas atrever…”. Chegaba o día e o primeiro cando comezaban as actuación era ver por onde andaban as rapazas dos nosos soños. Unha vez localizadas había que encherse de valor, buscar o momento adecuado e acercarse ao comezar a canción interpretada con mais ou menos arte polo grupo musical que tocara e facer a pregunta: “Bailas?”. Cando pronunciabas a última sílaba o tempo parecía que se suspendía, por un pequenísimo instante o mundo paraba… A resposta so podía ser “Si” ou “Non”. Eu teño que recoñecer que colleitaba moitos “non”… con gafas, desgarbado, con fama de chapón, tímido como poucos, nada xogaba ao meu favor. Aprendín a dicir “Vale” con dignidade e retirarme sobre os meus pasos, rumiar a derrota e volver a comezar, agardar a que comezara outra canción e volver a facer a pregunta: “Bailas?”. Nos sempre tíñamos un plan B, si a resposta era un “Non”. E tamén un plan “C”, e “D”… 
 
Si a resposta era positiva a cousa entraba noutra dimensión. O de preguntar “Estudas ou traballas” mentres dabamos voltas ao son da música non era plan, porque aínda todos e todas andábamos na escola, fora no “Bayón”, no “Grupo” ou no “Galaxia”, si que ás veces se terciaba o manido: “Es de aquí ou ves á festa…?”, si a rapaza non era coñecida, daquela a falta de turistas madrileños Ribeira xa se enchía de emigrados que viñas a pasar as vacacións ou algunha xente de Santiago (para nos toda unha cidade, con catedral, hospital, universitarios e unha alameda de verdade… e para min o mais importante: bocadillos de calamares!).
 
Feijóo fíxome recordar neste mes de agosto aqueles anos da miña preadolescencia (daquela non se chamaba así, éramos simples cativos). Aínda que el, obrigado a buscar con quen bailar unha investidura semella non entender o significado da verba “Non”, e semella tamén, que a diferencia das festas do meu pobo, no que había moitas mozas ás que pedirlle a bailar, no seu caso as alternativas son escasas, e todo parece indicar que as orquestras van rematar os pases, remata a música e toca volver para casa. A nos daquela, no peor dos casos quedábanos o consolo de  agardar ás festas seguintes: en Castiñeiras, Aguiño ou Palmeira. A el parece que o verán se lle acaba en nada.
 
Non sería real non recoñecer que os resultados do PP foron bos, subir 48 deputados e varios millón de votos non son calquera cousa, aínda que en boa parte fora en base a reabsorber os votos que en 2019 foron a Ciudadanos e parte dos que foran a Vox. O bloque da dereita e a extrema dereita (que a verdade “tanto monta monta tanto”, as liñas entre unha e outra son bastante difusas) suma 19 deputados. Pero o avance do PP é moitas cousas, menos una vitoria incontestable. O “paseíño” triunfal non é real. 
 
O PP tense beneficiado en distintas circunscricións da división da esquerda (Lugo e Ourense son dous casos claros). A diferenza entre os votos do PP e Vox e os votos do PSOE e Sumar, é de 350.000. 11.125.584 fronte a 10.774.978. Unha diferenza ben reducida, non hai pólvora para tirar moitos foguetes-
 
Si nos números incluímos o que veñen sendo os apoios que goberno e oposición tiveron durante a última lexislatura as cousas cambian a favor da esquerda: a suma dos votos de BNG, ERC e Bildu, acada os 950.000 votos, mentres a suma de Coalición Canaria e UPN, apenas chega aos 166.000. O saldo é favorable á esquerda. En porcentaxe: 46,11% aglutinados arredor do eixe dereita-extrema dereita e 47,88% aglutinados arredor do eixe esquerda-esquerda nacionalista.
 
Quedan por sumar os 275.000 votos do PNV e os case 400.000  de Junts. Votos que un PP escorado á extrema dereita ten complicado sumar, despois de varios anos destrozando calquera vía de entendemento. Si o PSOE o ten difícil con Junts… como o ten o PP?. Cantas veces terá que dicirlle “non” o PNV para que Feijóo se dea por enterado?. Feijóo sabe perfectamente que o PNV non pode facilitar nin por activa nin por pasiva un goberno apoiado por Vox, e que necesitará ceder ante a extrema dereita en múltiples cuestións, xa que mesmo Abascal é consciente que un apoio “free” é a morte da súa organización en pouco tempo. Abascal só pode subsistir si é capaz de venderlle ao votante conservador e ultraconservador a súa capacidade de influencia, de conseguir políticas reaccionarias. Os intentos de Feijóo son simplemente de risa. Pero comprensibles. A desesperación ten esas cousas. Cada día que pasa nos sorprende cunha cousa nova... a última negociar con Junts... Como son as  cousas: que o bloque da esquerda negocie con Junts é  negociar co demo, “Vade retro Satanas!!”, pero que o faga a dereita é “normalidade democrática”. Cal será o contido das conservas secretas que Feijóo despacha con Abascal en reservados de restaurantes madrileños?. 
Agárdannos unhas semanas de vertixe. Semella que, salvo sorpresas maiúsculas, cando o PP xa non sexa capaz de adiar mais o inevitable teremos un goberno de perfil de esquerdas que terá por diante unha lexislatura extremadamente complicada, un goberno sostido nunha maioría que precisará negociacións interminables e no que cada votación poderá reparar sorpresas. Non sería distinto no caso de que PP lograra formar goberno. Tampouco sería de desbotar unhas novas eleccións para despois do Nadal. A estas alturas, a falta de que se vaian vendo como os pactos van callando difícil está escoller porque apostar.
 
Estes días nos que xa estou de vacacións ando cun libriño, un ensaio, de Emmanuel Carrère, “O estreito de Bering”, publicado en 1986, e que versa sobre a Ucronía, termo que procede do grego “ou-cronos”: que non está en ningún tempo, como explica o autor na primeira páxina da obra. Eu recomendaríallo a Alberto Núñez Feijóo. Aínda que adianto que por veces non é un texto de doada lectura. Seguramente Feijóo se poderá sentir identificado coa obra de Carrére, a fin de contas seguramente el será presidente dun goberno que non está en ningún tempo. Por fortuna para o común das xentes.

Hemiciclo do Congreso
Hemiciclo do Congreso | Fonte: CONGRESO - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.