Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 05/08/2016
É esta unha novela coral, na que se alternan diferentes historias que se presentan a modo de radiografía do mundo actual, no que as mulleres teñen moito que dicir. Neste senso, resulta imposible non lembrar Los besos en el pan, última novela de Almudena Grandes na que vai contando os efectos e causas da crise económica por medio de diversas historias de xente do común. Tamén rememoramos Nosotras que nos queremos tanto, de Marcela Serrano, xa que a voz intimista e esa amizade que se crea entre as mulleres nas malas circunstancias tamén son o caldo de cultivo da novela de Inma López.
Teño que dicir que é unha novela longa, pero que namora, que tece as vidas de Margot, Valentina, Sor Mercedes, Laura e Inma, que simbolizan a moitas mulleres do pasado e dos nosos días.
“Aqueles veráns eran marabillosos, inmensos, interminábeis. Eran veráns sen horarios, de enormes soles que parecían pintados no ceo azulísimo dun debuxo infantil. Percorriamos grandes distancias en bicicletas brillantes, vibrantes, e neles a vida reducíase, ao principio, a xogar coma se nos obrigase unha sorte de serios gardas da felicidade infantil, para ir dando paso progresivamente a un letargo no que consumiamos as tendencias de moda dos noventa, o pop – rock e o amor en revistas cargadas de fotos en videoclips”.
Cantísimo me gustou esta novela, que forma de narrar tan profunda, tan dos pequenos detalles. Xa lera a súa obra Concubinas, coa que obtivo o Premio Xerais no 2002, e esta fíxome refrendar que a literatura galega ten moi boa representación nesta autora polifacética, que destaca na novela, no ensaio, na crítica teatral, nas columnas dos xornais... e que ten no seu haber numerosos premios como o Blanco Amor, o Bispo San Clemente e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Ficha técnica
Título: Aqueles días nos que eramos malas
Autora: Inma López Silva
Ano de publicación: 2016
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 422
Tensy Gesteira
Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira