Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 13:48
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, reivindicou este martes a aposta do Executivo galego polas enerxías renovables "como motor económico e laboral" e respondendo os obxectivos europeos.
Así o sinalou Tahoces na súa visita ás obras do parque eólico Neda, situado entre os concellos lucenses de Abadín e A Pastoriza. Nun comunicado, a Xunta destacou que o centro enerxético, impulsado pola compañía galega Norvento, comezou a constituírse en decembro de 2018 e estará acabado a finais do presente ano.
Segundo datos do Goberno autonómico, o parque eólico Neda conta cun investimento de 27,3 millóns de euros e xerará ata 429 postos de traballo, dos cales 107 serán postos directos e 322 resultarán indirectos. A infraestrutura do centro componse de 11 aeroxeradores que suman unha potencia total de 34,5 megawatts, cunha produción de enerxía anual estimada de 125.000 MWh.
Este parque únese a outros proxectos similares promovidos por Norvento, que inclúen Sasdonigas I e II, Cadeira, A Pastoriza, Carrecedo e o parque eólico singular de Mondoñedo. "Conxuntamente xeran 131,25 MW, contan cun investimento de 107,5 millóns de euros e dispoñen de ata 1.600 postos de traballo", subliñou o Executivo galego.
"ÉXITO EMPRESARIAL E SOCIAL"
Neste sentido, Tahoces felicitou a compañía galega polo seu traballo con Neda e polo seu "compromiso" con Galicia e coas renovables, asegurando que "empresas como estas son as que fan que a Comunidade exhiba posicións líderes nos diferentes ámbitos enerxéticos". Tamén felicitou os alcaldes dos concellos por favorecer este "éxito empresarial e social".
No mesmo comunicado, a Xunta indicou que na actualidade están a construírse 18 parques eólicos en toda Galicia, cun investimento aproximado de 470 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.