A creación de empresas cae un 20,4% en agosto

Constituíronse en Galicia 195 sociedades mercantís, 94 menos que no mes anterior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2019 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

A creación de empresas baixou un 20,4% en agosto en Galicia en relación co mesmo mes do ano anterior, ata 195 sociedades mercantís; mentres as disolucións caeron un 34,85%, ata 43, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Deste xeito, en agosto, constituíronse en Galicia 195 sociedades mercantís, 94 menos que no mes anterior e 50 menos que no igual período de 2018. O capital medio subscrito ascendeu a uns 390.000 euros por sociedade.

Por outra banda, ampliaron o seu capital social 51 sociedades mercantís, por 10,15 millóns de euros. Con respecto ao mesmo mes do ano pasado, en agosto ampliaron capital 50 sociedades menos que as rexistradas hai 12 meses.

Como en meses precedentes, en agosto as provincias da Coruña e Pontevedra rexistraron o maior número de constitucións, co 46,67% das sociedades mercantís creadas no primeiro caso e o 37,44% no segundo. O 10,77% das novas empresas constituídas fixou a súa sede na provincia de Lugo e o outro 5,13% na provincia de Ourense.

Case todas as empresas constituídas en agosto en Galicia adoptaron a forma de sociedades de responsabilidade limitada (97,95%). O capital medio subscrito por este tipo de sociedades foi de case 400.000 euros por empresa.

O 26,67% das empresas creadas en agosto pertencen á rama do comercio. As seguintes actividades en importancia son a construción (14,87%), as actividades inmobiliarias, financeiras e de seguros (12,31%) e a hostalaría (10,26%).

A presenza do sexo masculino segue sendo maioritaria na creación de empresas, como en meses precedentes: 199 socios (o 79,28% do total) fronte a 52 socias (20,72%) en agosto de 2019.

Ademais, as sociedades mercantís creadas en Galicia adoitan estar compostas por un número de socios moi pequeno, limitado nunha porcentaxe elevada das constitucións a unha soa persoa. De feito, en agosto, o 73,33% das sociedades constituídas foron creadas por un único socio fundador e o 20,51% por dous socios.

En agosto de 2019 disolvéronse 43 sociedades mercantís en Galicia, 40 menos que en xullo de 2019 e 23 unidades menos que en agosto de 2018. Vinte e tres empresas reduciron o seu capital social en agosto, mes no que se rexistraron dous procesos de fusión e ningún de escisión.

Por último, o mes de agosto pechou con 20 sociedades afectadas por concurso de acredores. Con respecto ao que pasou hai un ano, en agosto de 2018 había seis sociedades menos afectadas por esta situación que en agosto de 2019.

Empresa tecnolóxica
Empresa tecnolóxica | Fonte: ENDESA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta