Por Alberto Quian | Madrid | 27/09/2019 | Actualizada ás 14:00
Coma un predador, Madrid aliméntase da enerxía eléctrica que xeran outros territorios do Estado español sen apenas custo ecolóxico algún, mentres os seus principais subministradores –entre eles Galicia– pagan un alto prezo ambiental, con altas emisións de gases contaminantes, por producir un excedente de electricidade que alimente a voraz metrópole central.
Galicia exporta arredor do 40 % da electricidade que xenera e é unha das potencias enérxeticas en España; malia a isto, aquí pagamos un altísimo prezo polo seu consumo, nos fogares e na grande industria (a crise das empresas electrointensivas como Alcoa reflicte perfectamente o paradoxal da situación, cuns custes extraordinarios nun territorio exportador de electricidade).
Pero o noso país paga tamén un altísimo prezo ambiental por darlle enerxía a Madrid. Mentres a capital absorbe unha parte importante da nosa produción eléctrica, a contaminación extra pola produción excedente para satisfacer a demanda madrileña queda en Galicia. É dicir, a Madrid –que apenas produce o 4 % da electricidade que consome– sáelle case de balde, desde un punto de vista ecolóxico, devorar a enerxía eléctrica que producen outros, mentres que Galicia está a pagar un sobrecusto ambiental.
"PRIVILEXIO AMBIENTAL"
Nese sentido, Enrique Pérez Lijó fala dun “privilexio ambiental” do que goza Madrid. Nunha análise na Revista Galega de Economía, o experto define ese “privilexio” como “o desprazamento das consecuencias ambientais asociadas a unha actividade económica”.
No seu estudo, titulado ‘O privilexio ambiental metropolitano nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Estudo de caso sobre Galicia e Madrid’, salienta como “as consecuencias ecolóxicas dunha Comunidade e doutra diverxen tremendamente tomando en consideración as emisións de gases de efecto invernadoiro”.
Dáse o paradoxo de que as maiores emisións se concentran en territorios relativamente pouco poboados da xeografía española: “Asturias, Castela e León, Galicia e Aragón, que contan con apenas 7,5 millóns de habitantes entre as catro, o que equivale ao 16 % da poboación total española, emiten uns 107 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro, representando case un terzo das emisións totais do conxunto do Estado. Estas cifras colócaas moi por riba da media estatal, valorada en 7,2 toneladas de gases de efecto invernadoiro por persoa e ano”, aporta Enrique Pérez Lijó, en base aos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Estes datos colocan Madrid no sétimo lugar, con tan só o 6,4 % das emisións do total, o que contrasta coa súa achega ao PIB español, que “a sitúa no segundo lugar, cunha porcentaxe do 18,8 %”.
Pola contra, a economía galega tan só representa o 5,2 % do PIB estatal, pero emite o 8,6 % dos gases de efecto invernadoiro, a cuarta que máis contamina en España.
Estes datos “parecen desmentir a hipótese de que as emisións, e a súa consecuente deterioración ecolóxica, son froito do crecemento económico”, expón o experto, quen engade que “mesmo poderiamos chegar á conclusión contraria se cruzamos os datos de emisións co valor do PIB de cada unha das Comunidades”. Así, “mentres a economía galega emite media tonelada de gases de efecto invernadoiro por cada euro de PIB producido, Madrid emite pouco máis de 0,1 toneladas”. Nesta clasificación, Galicia sitúase terceira entre a máis contaminantes, mentres que Madrid ocupa o privilexiado último posto.
Todos estes datos indicarían que “o crecemento económico madrileño é menos lesivo para o medio natural e máis eficiente en termos ambientais”, algo que semella paradoxal, xa que ten maior PIB e poboación que Galicia.
"PAPEL METABÓLICO" DE GALICIA
Como se explica que Galicia, sendo un territorio menos poboado e con menos peso económico contamine máis que Madrid? Pérez Lijó sinala a industria eléctrica como factor explicativo: “A razón das altas taxas de emisións galegas non está relacionada co seu grao de desenvolvemento económico, senón coa implantación nesta Comunidade dunha industria altamente contaminante”.
Para explicalo mellor, hai que recorrer ao transvasamento de enerxía eléctrica que Galicia realiza cada ano a outras comunidades autónomas. Os datos da Red Eléctrica Española de 2018 indican que a produción eléctrica galega representou case o 11 % do total en España.
En concreto, en todo o Estado o parque xerador de enerxía eléctrica sumou 104.053 MW de potencia instalados, dos cales 10.988 MW corresponden a Galicia, situándose no cuarto posto entre as comunidades autónomas, por detrás de Andalucía (15.485 MW), Castela e León (13.586 MW) e Cataluña (11.873 MW). Madrid só representou o 0,4 %, con 458 MW; a que menos produce (só por detrás das cidades autónomas de Ceuta e Melilla).
A situación muda no que respecta á demanda total de enerxía eléctrica en España, que alcanzou o pasado ano os 268.808 GWh, dos que 19.913 corresponden a Galicia, isto é, o 7,4 %, situándose o noso país no quinto lugar, por detrás de Cataluña (47.323 GWh), Andalucía (40.237 GWh), Madrid (28.624 GWh) e Comunidade Valenciana (27.500 GWh).
É dicir, Madrid necesitatía multiplicar por 62 a súa portencia instalada para satisfacer autonomamente a súa demanda de electricidade.
Para paliar ese enorme déficit, absorbe boa parte da enerxía eléctrica que producen outros, como Galicia, que "exporta cada ano entre un 35 % e un 40 % de electricidade cara á Meseta Central, un fluxo constante de enerxía sen o cal o funcionamento das economías deficitarias de electricidade non sería posible”, aporta Pérez Lijó.
A demanda eléctrica madrileña supón o 10,6 % do consumo total de España, pero a súa produción eléctrica tan só cobre un 4 % da súa propia demanda, polo que “precisa da importación interrexional de torrente eléctrico, e concretamente da xeración galega de electricidade”. Isto, salienta o experto, está “avalado pola propia Fundación de la Energía de la Comunidad de Madrid no seu Balance Energético”.
“Parece innegable que a Comunidade Autónoma de Galicia cumpre un papel metabólico decisivo no conxunto do Estado, orientado á exportación eléctrica”, afirma Pérez Lijó, para quen este papel que desempeñan Galicia e outras comunidades autónomas que tamén son potencias enerxéticas no Estado “é froito dunha determinada estratexia de desenvolvemento para o conxunto do Estado que se puxo en marcha durante a segunda metade do século XX, tal e como revelan os incrementos de potencia eléctrica instalada ata os anos oitenta”.
Para Pérez Lijó, “a decisión de facer de Galicia unha Comunidade excedentaria de enerxía eléctrica responde a unha estratexia económica pensada desde unha óptica metropolitana, que premiaría durante a segunda metade do século XX algunhas áreas urbanas de España nas que se concentraría o sector industrial”.
Os datos, conclúe, “suxiren a existencia dun privilexio ambiental metropolitano para o caso de Madrid, posto que esta Comunidade goza do torrente eléctrico xerado noutras comunidades sen sufrir o custo ambiental asociado a esta demanda en forma de emisións de gases de efecto invernadoiro”.
Ou dito doutro xeito, “Madrid goza do recurso que producen outros territorios mediante un desprazamento dos custos ambientais asociados a esta produción”.
En concreto, calcula que o 18,8 % das emisións de gases de efecto invernadoiro producidas no territorio galego son froito dunha “situación periférica que Galicia ocupa no metabolismo socioeconómico español”.
OS GALEGOS, OS MÁIS PREXUDICADOS
Que o noso país sexa exportador de electricidade e non obteña a cambio ningún beneficio semella un disparate. E así o ten denunciado a oposición no Parlamento galego, que esixe á Xunta, gobernada polo PP, unha tarifa eléctrica galega que rebaixe a factura da luz, idea que vén impulsando o BNG e rexeitada sistemáticamente polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo.
Os nacionalistas consideran un “escándalo” e unha “estafa” a “vergoñenta escalada de prezos” da factura da luz, que “segue asfixiando a familias e lastrando a competitividade das empresas mentres o lobby eléctrico continúa incrementando os seus millonarios beneficios, 5.600 millóns de euros en 2017”.
O absurdo é tal, que os galegos serán os consumidores máis prexudicados pola refacturación que se vai a facer nos recibos da luz de once comunidades autónomas a partir deste mes de setembro por suplementos territoriais por tributos autonómicos nas peaxes que non se repercutiron aos usuarios. Pola contra, os cataláns serán os menos castigados por este incremento.
A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) fixo un cálculo do impacto das refacturaciones nun fogar medio (4,6 quilowatts -KW- de potencia e 3.500 quilowatts hora - KWh- de consumo).
COMUNIDADE |
CUSTO REFACTURACIÓN € |
Cataluña |
0,32 |
Madrid |
0,57 |
Andalucía |
0,57 |
Murcia |
2,01 |
Extremadura |
2,24 |
Asturias |
2,28 |
Navarra |
3,42 |
Aragón |
4,3 |
Cantabria |
9,85 |
Castilla y León |
15,69 |
Galicia |
19,79 |
O cálculo da OCU cifra por comunidade autónoma o custo da refacturación para un consumidor medio e arroxa que serán os galegos os máis prexudicados, malia vivir na cuarta potencia produtora de enerxía eléctrica en España; mentres que os habitantes de Madrid –sendo esta a comunidade autónoma con menor produción eléctrica– serán os máis favorecidos na refacturación, tras os cataláns. Os galegos deberán pagar, de media, 19,22 euros máis que os madrileños.
En concreto, para os consumidores galegos o custo medio da refacturación a abonar é de 19,79 euros, seguidos polos de Castela e León, que deberán pagar 15,69 euros.
A continuación están os de Cantabria (9,85 euros), Aragón (4,3 euros), Navarra (3,42 euros), Asturias (2,28 euros), Estremadura (2,24 euros) e Murcia (2,01 euros).
A refacturación sitúase por baixo do euro para madrileños (0,57 euros), andaluces (0,57 euros) e cataláns (0,32 euros).
Que quere dicir isto da refacturación? A súa aplicación remóntase a 2013, cando a normativa contemplaba que, no caso de que as actividades eléctricas de comercialización e distribución fosen gravadas con tributos de carácter autonómico, á peaxe de acceso –destinada a cubrir partidas de custos do sector eléctrico– incluiríaselle un suplemento territorial para os consumidores desa comunidade autónoma, pero ese suplemento non se chegou a aprobar polo Goberno.
As empresas do sector eléctrico, que tiveron que asumir eses impostos obrigatorios, recorreron. Tras as sentenzas do Tribunal Supremo en resposta a eses recursos, o Ministerio para a Transición Ecolóxica tivo que aprobar en marzo de 2019 unha orde para proceder á liquidación dos suplementos territoriais e cubrir o custo provocado en 2013.
En 2017 xa houbo unha primeira refacturación que afectou os consumidores da Rioxa, Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana, e agora súmase outra para os de Galicia Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia e Navarra, así como para os de Cataluña, cuxa refacturación provisional –aprobada en 2017– foi insuficiente para recadar a totalidade do importe.
Só Baleares, Canarias e País Vasco, que non aplicaban impostos rexionais obrigatorios nesas datas, quedan excluídas das refacturacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.