O BNG reivindica o seu pacto con CxG para que Galicia conte máis que Cantabria en Madrid

Destaca que xa tiveron máis de 500 afiliacións nos últimos días e anuncian unha campaña imaxinativa posto que "non" contarán "con estudios de televisión" nin con créditos bancarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O BNG presentou este sábado a campaña dos nacionalistas de cara ás eleccións do 10N, unha cita que afrontan cun apoio "claramente á alza" por parte da cidadanía "e un claro reforzo a nivel interno", posto que desde os comicios municipais do 26 de maio sumaron "máis de medio milleiro" de novas afiliacións.

O membro da Executiva Nacional do BNG Rubén Cela, co cartel da campaña para as eleccións xerais do 10 de novembro.
O membro da Executiva Nacional do BNG Rubén Cela, co cartel da campaña para as eleccións xerais do 10 de novembro. | Fonte: Europa Press

Así o trasladou este sábado nunha rolda de prensa o membro da Executiva Nacional do Bloque Rubén Cela, que incidiu en que a candidatura do BNG, que inclúe ademais a membros de Compromiso por Galicia (CxG) tras un acordo entre ambas as organizacións, é "a única netamente galega, sen ningún tipo de ataduras nin dependencia" desde Madrid.

Precisamente, este acordo provocou unha crise en CxG e a baixa de numerosos militantes, entre eles, o ex secretario nacional Xoán Báscuas, ou a ex alcaldesa de Muros que denuncian o xiro "á dereita" dado na última asemblea desta formación a finais de abril. Un xiro que confirma a presenza de ex candidatos de Vox na dirección de CxG e ao que se referiu o presidente da Xunta para dicir que, "con esa viraxe o BNG vai perder votantes".

BNG e CxG terán como lema de campaña 'Facer valer Galiza con voz propia'. Neste sentido, Cela asegurou que os nacionalistas serán capaces de "transformar a rabia, a decepción e a frustración de moitos galegos cos partidos estatais" tras o fracaso dunha investidura que levou á repetición dos comicios.

Despois de que o BNG volvese quedar sen representación nas Cortes o 28 de abril, "boa parte dos galegos tomaron boa nota do que significa que o Bloque non estea en Madrid". "Se o BNG está, Galicia estará e pesará na política estatal", garantiu Cela.

"MENOS PESO POLÍTICO QUE CANTABRIA"

"Galicia debe xogar na liga das nacións con Euskadi e Cataluña", valorou, para despois incidir en que agora ten "mesmo menos peso político que Cantabria", posto que o Partido Rexionalista de Revilla si conseguiu entrar no Congreso.

Para lograr volver ás Cortes con políticas "de esquerdas" e "transformadoras", o BNG organizará unha campaña "moi diferente á do resto de forzas", posto que "non" contarán "con estudios de televisión" nin con créditos bancarios.

Pola contra, Cela explicou que será "unha campaña de base, desde abaixo e de proximidade", financiada "co esforzo de miles de simpatizantes e militantes", e para a que xa teñen programados "máis de 300 actos e mitins" por toda a xeografía galega.

DEBATE

O BNG volveu a reclamar publicamente a celebración dun debate de temática estatal "en 'prime time'" na Televisión de Galicia (TVG) entre os líderes políticos galegos de cara ás eleccións xerais do 10 de novembro.

"O que non vale é dicir todos os días que as eleccións xerais son clave para o futuro de Galicia, cousa que nós (o BNG) compartimos, e que nos medios públicos galegos isto pase sen pena nin gloria", incidiu.

Neste contexto, os nacionalistas galegos reclaman á TVG que acolla un debate "en 'prime time'", é dicir, en horario de máxima audiencia; e que sexa "serio", "rigoroso" e conte "con todas as garantías". "Menos conexión Madrid e máis conexión con Galicia", apostilou Cela.

O BNG xa solicitara para as eleccións xerais do 28 de abril a celebración dun debate cos líderes do PPdeG, PSdeG e En Marea, trasladándolles dita petición mesmo formalmente a través de cartas. Finalmente, non se chegou a materializar a dita proposta, senón que o ente público acolleu un enfrontamento entre candidatos ás Cortes por Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Desfeita

Non é por f*der, pero Cantabria conta en Madrid porque o PRC sacou nas últimas eleccións xerais máis do 14% dos votos (e nas autonómicas máis do 37%). Pode o BNG igualar iso? Ou o PRC está facendo ben algo que o BNG non sabe ou non quere facer, ou o pobo galego é "imbécil e escuro". Haberá que mudar o pobo? Ou haberá que esixir máis dos que din representalo?

3 Alienao

Descolonícense cabaleiros, descolonícense!

2 Joker

Os mesmos que critican un posible pacto PSOE-PP a nivel estatal resulta que si lles vale un pacto esquerda-dereita en Galicia polo simple feito de ser nacionalista. Canta hipocrisía e cantas contradicións. O BNG é o partido máis absurdo que existe, uns días están con Bildu e ERC, outros coa dereita do PNV, CiU ou CxG, outras co PSOE... A ver se aclaran a cachola, ou!

1 Todo comparable ho

O "pacto" consistiu en recibir o apoio doutros a cambio de nada

2 Joker

Pois mellor mo pos. O BNG esixe a cambio de nada, moi democrático, si. Ese é o talante upegallo. E cando lle vale o PSOE para agarrar poder, faille as beiras e cando non, pono a feder; outras veces válelle sacarse a foto coa dereita do PNV ou CiU e cando lle presta, coa esquerda de ERC ou Bildu. Con CxG pois xa o dixeches ti, manipúlao ao seu antollo e os parvos de CxG tragan. En fin...

1 Breijar

Pacto cunha dereita autonomista dirixida por ultradereitistas españolistas procedentes de C's e Vox. E dos créditos xa non falemos..., xa non poden pedir máis debido aos pufos que acumula a cúpula blocalla coa banca espaÑola.

1 Tren de Burgos

Non mintas home se xa pagaron case todos os pufos que deixastes antes de escapar con actas. Ti ben que pactas con antigos falanxistas, puidestes e non fixestes nada

2 Bernal Calvo Delaciga

Non mintas ti, blocallo. A política financieira do BNG sempre foi responsabilidade de xente de confianza da UPG. Polo tanto, os vosos pufos coa banca española son culpa dos que quedastes na secta, non dos que "escaparon". Por moito que repitades as mentiras, xa non enganades a ninguén.