Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/10/2019 | Actualizada ás 12:20
Afundación, a Obra Social de Abanca, presenta a nova proposta do Ballet Nacional Ruso de O lago dos cisnes no Teatro Afundación Vigo, a Sede Afundación Pontevedra e Auditorio Abanca Santiago de Compostela, os próximos días 22, 23 e 24 de outubro, respectivamente, ás 20.30 horas.
Nesta ocasión, a recoñecida compañía representa en Galicia este epítome atemporal dos ballets clásicos que narra a historia de Odette, unha moza vítima do feitizo do terrible bruxo Von Rothbart que a converte en cisne durante o día, recuperando a súa forma humana durante a noite. Só unha declaración de amor a poderá liberar da maldición. As entradas poden adquirirse en Ataquilla.com.
BALLET NACIONAL RUSO
Fúndase en 1989, cando o lendario solista do Teatro Bolshoi de Moscú, Sergei Radchenko, intenta realizar a súa visión dunha compañía que reunise os elementos máis clásicos das grandes compañías de Ballet Kirov e Bolshoi nunha nova compañía de ballet independente dentro do marco do ballet clásico ruso. Os principais bailaríns de toda Rusia forxan baixo a dirección de Radchenko unha emocionante compañía, poñendo en escena novas producións de clásicos atemporais como Giselle, Don Quixote, Paquita e Carmen.
Desde os seus inicios, completou numerosas xiras por Europa con extraordinarias recepcións en Italia, Francia, España, Alemaña e os Países Baixos, ademais de Reino Unido, incluíndo numerosas representacións no famoso Coliseo de Londres.
A compañía realiza, ademais, xiras por todo o mundo, destacando as realizadas con grande éxito por Turquía (no Festival de Istambul), Grecia (Festival de Atenas), Xapón, Corea, Singapur, Hong Kong e EE.UU., onde todas as tempadas ofrece unha longa xira mostrando o seu amplo repertorio nas máis importantes salas e teatros do país americano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.