Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2019 | Actualizada ás 17:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este xoves as actuacións do seu executivo e, concretamente, ao director xeral de Industria e Minas, Bernardo Tahoces, tras a setenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ordena a paralización das obras do parque eólico do Oribio. De feito, foi máis alá ao anunciar que recorrerán esa decisión.
"Presentaremos un recurso ante o TSXG", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ao defender os permisos outorgados polo seu goberno á empresa que xestiona ese parque e que o alto tribunal galego considera irregulares. Neste sentido, defendeu a política eólica do seu goberno e lembrou que ese parque foi autorizado en 2007, cun goberno do bipartito.
Así, destacou que o único que fixo o seu executivo é reducir o número de muíños de vento --orixinalmente eran 12--, aínda que os novos son máis grandes que os proxectados orixinalmente. "Logo se hai xente que protesta agora, pero non protestaba entón é outra cousa, pero é certo que con todo o que ver cos parques eólicos hai grupos que tenden a protestar", dixo. En todo caso lembrou a "normalidade" coa que se están executando os 20 parques eólicos que se están construíndo en Galicia.
Sobre o do Oribio suliñou que Industria xa deu orde de paralizar a súa construción para facer cumprir a sentenza e evitou falar sobre o papel do director xeral de Industria neste caso. E o certo é que non é a primeira vez que Bernardo Tahoces recibe un correctivo da Xustiza xa que está imputado noutro proceso relacionado coa mina de San Finx, en Lousame.
O presidente galego defendeu a política industrial do seu goberno, especialmente, a eólica e lembrou que se pechará o ano 2019 con 480 megawatios (MW) máis e 576 millóns de euros en investimentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.