Burela tenta recuperar a normalidade tras a tráxica morte dun escolar do IES Monte Castelo

O Concello púxose a disposición da familia e o 112 ofreceu un equipo de psicólogos para apoiar a comunidade escolar.

Por Europa Press / Redacción | Burela | 05/11/2019 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O municipio de Burela mostrouse conmocionado tras a traxedia experimentada este luns no IES Monte Castelo, onde un mozo se esborrallou repentinamente ante as portas do centro e faleceu pouco despois a pesar dos intentos de profesores e de persoal sanitario para por salvarlle a vida.

IES Monte Castelo de Burela
IES Monte Castelo de Burela | Fonte: Google Maps.

O alcalde en funcións, Alfredo Llano, sinalou que os veciños quedaron "moi afectados", sobre todo a comunidade escolar. A vítima tiña tan só 13 anos, polo que o impacto no centro e no alumnado foi especialmente duro.

"É unha traxedia e unha barbaridade", insistiu o rexedor, sobre unha xornada "triste" tanto para Burela como para toda A Mariña en xeral.

O alcalde estivo a falar coa comunidade educativa do municipio e especialmente do IES Monte Castelo, para coñecer o estado do alumnado e dos docentes tras o suceso. Así mesmo, un equipo de apoio e psicólogos do 112 estivo a disposición deles e dos familiares do falecido.

O mozo dirixíase cara ao centro para asistir ás clases á primeira hora e esborrallouse de súpeto no patio, xusto antes de entrar no inmoble. Llano asegurou que tanto o persoal sanitario como os profesores fixérono "o mellor posible" e "actuaron rapidísimo" para tentar salvarlle a vida, utilizando un desfibrilador, polo que está convencido de que "non se puido facer máis".

Desde o Concello de Burela puxéronse a disposición da familia e dos achegados para o que necesiten e están a esperar a que se normalice un pouco a situación para acompañalos, tanto de maneira íntima como institucional, no tanatorio e no enterro, que se prevé para este mércores.

"UN DÍA ACIAGO"

Tamén tivo unhas palabras de recordo por este suceso o alcalde de Foz, Francisco Cajoto. Neste municipio, un menor foi detido este luns pola morte da súa nai, cuxo cadáver se achou ensanguentado no domicilio que compartía co seu fillo.

"Foi luns completamente nefasto na Mariña", insistiu Cajoto, "un día aciago" non só por este crime, senón tamén polo falecemento de "repentino" do menor en Burela.

O alcalde lembrou que o mozo tiña familia na localidade, e que dous dos avós son veciños seus, de Fazouro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta