O Compromiso por Galicia dun Novo Proxecto Común

A actuación política consiste en realizar esforzos individuais e colectivos para que se produza un resultado político desexado, que non se orixinaría doutro xeito. A actuación avalíase comparando o resultado obtido cos custos e outras condicións adversas, medidos en termos de eficacia (incremento da probabilidade de que ocorra algo) e de eficiencia (relación entre ese incremento e o seu custo).

Por Óscar Lomba | Vigo | 11/07/2012

Comparte esta noticia
A indignación do 15 M expresada nas prazas e rúas de Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra ou Vigo non é un simple furor de moita mozas e mozos galegos perante a situación de inxustiza, senón entusiasmo, ímpeto, paixón constituínte, e vai en sentido contrario á segmentación e atomización que nos impón o neoliberalismo.
 
Non hai pois que facer unha lectura despolitizada do movemento 15 M e das loitas contemporáneas que quede só nunha dimensión moral da indignación. Esta dá lugar a unha rebelión política. É unha indignación favorable á xustiza social, a un cambio social nun sentido igualitario e democratizador.
Non é unha indignación desesperada. Non é un golpe de ira frustrada sen perspectiva de saída. Ao contrario, é unha indignación esperanzada que empuxa á mobilización e xera moitas ganas de vencer. É unha indignación que se basea na confianza colectiva nun nós disposto a construír outro futuro.
 
Como defenden os intelectuais -ao meu xuízo máis lúcidos- G. Arrighí, R. Brenner ou David Harvy o obxectivo dos sectores dominantes é modificar o equilibrio político e a relación de forzas existentes no conxunto da economía-mundo capitalista recorrendo para iso a todo o arsenal da violencia económica, estatal e militar. As relacións sociais están gobernadas pola violencia de clase e pola certeza de que para obter a vitoria en tal contorna complexa, as clases dominantes teñen que artellar unha formulación que poida asegurar un impacto como para modificar as relacións sociais vixentes. Lonxe de debilitar o Estado, a estratexia neoliberal supón, pois, unha reinvención da súa violencia estrutural para modificar en beneficio das clases dominantes os parámetros de convivencia social e de dominación política. Porén esa violencia estrutural esta xerando unha reacción espontánea na sociedade civil que ve ameazadas moitas das conquistas sociais que tanto esforzo e sacrificio custaron. É previsible que xurdan novas explosións espontáneas de descontento xeral que forzosamente terán a súa manifestación no espazo político.
Estimo que é necesario, máis que nunca, construír unha organización de novo tipo que naza desde abaixo e encadre no seu interior a amplos segmentos sociais.
 
Porén, como afirman Miguel A. Quintanilla e Ramón Vargas-Machuca no seu libro A Utopía Racional: “A recuperación do sentido realista para a cultura de esquerdas contribúe a que non instalemos o pensamento político nun reino ideal, nin nos sintamos confortablemente consolados cos soños da razón. Non somos individuos racionais nunha «situación orixinaria» ideal, senón que o que existen son individuos en comunidades concretas, con tradicións específicas, onde o conflito e non o consenso é o corazón da estrutura social, onde os mesmos ideais morais son utilizados para proxectos políticos rivais e incompatibles, onde a democracia non é o reino da «competencia comunicativa» universal senón o reino da transacción, do pluralismo, da incerteza nun xogo colectivo constrinxido pola existencia de relacións asimétricas de poder”
 
E refírome ás devanditas relacións asimétricas de poder e ao resto de cuestións abordadas porque nos últimos días observei que os dous proxectos que se empezaron a xestar tras a saída de Encontro Irmandiño e Mais Galiza do BNG, tras a XIII Asemblea Nacional en xaneiro de 2012, parece que están camiñando cara a posicións cada vez máis difíciles de conciliar. Opino que Mais Galiza non debeu abandonar nunca as asembleas locais e comarcais onde participaba activamente. Parece que a entrada en xogo de Acción Galega e o lanzamento de Compromiso por Galicia puideron precipitar os acontecementos. Non o sei. O que é innegable é que a confluencia orgánica é inverosímil neste momento. E iso inquiétame profundamente.
O 14 de xullo terá lugar o alumeamento dunha nova forza política que pretende romper cos moldes clásicos do que significa un partido político tradicional. E iso resulta esperanzador. Creo que a idea dun movemento social amplo, dun armazón colectivo que se organiza de xeito horizontal e pretende incidir e interactuar na esfera da sociedade política é algo orixinal e máis cando pretende recoller moitas das ideas esbozadas polo movemento indignado.
Lembro que nunha ocasión escribín sobre unha experiencia persoal baseada na observación dunha caravana de formigas que ordenadamente ía penetrando no seu formigueiro. E referinme a devandita cuestión nun artigo publicado hai tempo no xornal Galicia Hoxe e que facía mención aos enxames de insectos e outros grupos de animais, que actúan en conxunto dun xeito sorprendentemente coordinado. Forman co seu comportamento unha especie de cerebro colectivo, unha intelixencia de grupo, que é a causa de todas estas actitudes. Descubrírono científicos británicos e norteamericanos mediante modelos informáticos aplicados a diversas especies, establecendo que son leis simples as que permiten a devanditas agrupacións tomar decisións e moverse coma se formasen parte dun único organismo. Todo isto suxeriume a idea dunha conciencia colectiva. O concepto que se refire á convicción participada e ás actitudes morais que funcionan como unha forza unificadora dentro da sociedade. Esta forza atópase separada e é, xeralmente, dominante en comparación coa consciencia individual. Segundo esta teoría, unha sociedade, unha nación ou un grupo constitúen unha entidade que se comporta como un individuo global. O ser humano -como afirmaba Gardner Murphy- é "parte da inmensidade do cosmos", e esta profunda semellanza cos materiais e a estrutura cósmica constitúen a fonte potencial da realización máis profunda e rica do ser humano.
 
Cando millóns de unidades de conciencia (persoas) compartimos unha emoción semellante, ou un sentimento xeneralizado, isto ten como resultado un fenómeno enerxético, aethereo, que logra imprimirse no plano do físico. Iso é o que din as últimas pescudas que se desenvolven desde o Global Consiousness Project (Universidade de Princeton) que teñen como antecedentes algúns dos axiomas máis interesantes do pensamento humano: o concepto da Noosfera proposto por Vladimir Ivanovich Vernadsky, os campos morfoxenéticos do inglés Rupert Sheldrake e o imaxinario colectivo de Jung, entre outros.
 
Estou convencido de que calquera cambio social de envergadura terá que apoiarse na sinerxía derivada dun pensamento agrupado e unha conciencia colectiva. Fai falta un cerebro global que impulse o organismo planetario a ese cambio histórico. O cerebro global, como afirma o Dr. Francis Heylighenes, é unha metáfora para esta rede emerxente e colectivamente intelixente que está formada polas persoas deste planeta xunto coas computadoras, bases de coñecemento e enlaces de comunicación que as conectan.
 
Comparto a idea de Diamando Gritzona de que a entidade colectiva acaba por constituír un cúmulo de individualidades cuxos elementos unificadores son os principios, os intereses e os obxectivos de acción. Estes elementos actúan como unha estrutura que encadea e coordina as individualidades sen absorbelas.
 
Como defende Jean François Noubel "a aposta fundamental para a humanidade non é a fame, a pobreza, a sustentabilidade, a paz, a saúde, a educación, a economía, os recursos naturais ou unha chea doutros asuntos, senón a nosa capacidade para construír organizacións novas que sexan capaces de prover solucións. A nosa aposta fundamental é a intelixencia colectiva".
 
Débese edificar un movemento amplo e levantado desde a base, unha organización de masas e inserida no armazón social. Para conseguir artellar unha nova organización unitaria de todo o nacionalismo galego é necesario ter sempre presente o sentido prudente e pragmático sen renunciar á utopía. As diferentes culturas políticas do nacionalismo de esquerdas non debemos situar a reflexión política nun dominio idealizado e irreal. Non nos consideremos inxenuamente confortados cos espellismos fraguados pola cognición baseada en argumentos equívocos. Non somos simplemente suxeitos lóxicos e racionais nunhas condicións primixenias perfectas, senón que o que imperan son individuos en sociedades especificas, con prácticas determinadas, onde os transos sociais e non só os consensos son o miolo da estrutura xeral, onde idénticos ideais morais ou valorativos son esgrimidos para propósitos políticos antagonistas e discordantes, onde a democracia pluralista non é o campo da capacidade comunicativa global senón o feudo do arranxo, da transacción, da vacilación e indecisión nunha articulación colectiva limitada pola coexistencia de relacións asimétricas de poder.
 
Creo sinceramente que se pode construír unha organización ampla e erixida desde a base, unha estrutura colectiva horizontal e organizada en rede. De todos os xeitos entendo que o denominado Novo Proxecto Común está condenado a entenderse con Compromiso por Galicia (e algún dia, tamén, co BNG) porque se facemos o contrario estariamos sementando unha futura derrota do nacionalismo galego. 
 
* Óscar Lomba Álvarez é membro do Consello Nacional de Compromiso por Galicia e un dos 12 membros da Coordinadora Local da Asemblea Nacionalista de Vigo - Novo Proxecto Común

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.