Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 17:36
A investigación do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil da Coruña sobre o episodio de contaminación da auga de Corme, que causou un brote de gastroenterite no municipio de Ponteceso o pasado mes de setembro, apunta ao estado deficitario da infraestrutura e a súa "mala xestión".
Así o manifestaron fontes consultadas por Europa Press, que confirmaron que as cinco persoas investigadas como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública e outro delito contra os recursos naturais e o medio ambiente están relacionadas coa empresa de xestión da auga en Ponteceso.
Por iso, as pescudas, que seguen abertas por parte da Garda Civil á espera de contar cunha análise epidemiolóxica pendente, apuntan ao "mal uso" da infraestrutura. Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron a finais do pasado mes de setembro tras un brote de gastroenterite na localidade de Corme, por mor da contaminación das augas de abastecemento de Corme Porto-Ponteceso.
AVARÍAS CONSECUTIVAS
A contaminación, subliñaron as mesmas fontes, foi "desencadeada por tres avarías consecutivas os días 18, 19 e 21 de setembro de 2019 que provocaron cortes de varias horas na rede de auga potable".
A Garda Civil no marco da investigación logrou a identificación de "dous focos diferentes de contaminación cuxa acción combinada orixinou o episodio de gastroenterite que afecto a centenares de veciños da localidade", subliñou o Instituto Armado. A investigación céntrase no estado da infraestrutura e na súa xestión, á vez que fontes consultadas incidiron en que o Concello de Ponteceso realizou "todas as xestións para solucionar o problema e saber de onde partía" o foco de contaminación.
CONCELLO
Por outra banda, o Concello de Ponteceso dixo que tomará "cartas no asunto", e non descarta personarse se se abre causa xudicial, se se "certifica que houbo neglixencia" na xestión da auga de Corme.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.