Por Galicia Confidencial | Verin | 30/11/2019 | Actualizada ás 20:23
Miles de persoas mobilizáronse esta tarde en Verín para protestar contra o que consideran "o desmantelamento" do hospital da localidade e esixir ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "unha rectificación" tras denunciar os continuos recortes no centro.
A multitudinaria protesta arrincou pasadas o cinco da tarde cun abrazo simbólico dos manifestantes a todo o perímetro do centro sanitario, que deu paso a unha gran manifestacion polo núcleo urbano, que transcorreu desde o propio hospital até a Praza Maior, onde se procedeu á lectura dun manifesto.
Durante todo o percorrido da marcha, púidose observar como todos os establecementos da poboación permanecían pechados en solidariedade coa protesta, e mesmo se fretaron varios autobuses desde diferentes puntos da provincia para poder participar na mobilización.
"DESMANTELAMENTO" DA SANIDADE PÚBLICA
En declaracións aos xornalistas, Yolanda Domínguez, integrante da Plataforma Sanitaria en Defensa da Sanidade de Monterrei e secretaria da comisión delegada do Hospital de Verín, reivindicou a importancia desta convocatoria "porque xa viamos vir o desmantelamento do noso hospital e de toda a sanidade pública en todos os comarcais, e que xusto coincidiu co peche do paritorio", afirmou.
Respecto das causas ofrecidas desde a xerencia para xustificar o peche deste servizo, indicou que "fai catro meses non había ningún problema e que todo comezou coa falta de pediatras que cubran o servizo cuestionando as razóns esgrimidas pola dirección". Entre outras críticas, denunciou os recortes nas distintas especialidades e recursos que están "en mínimos", mentres reprochou a falta de explicacións por parte do xerente "que está desaparecido" e doutros responsables.
"Se hai unha urxencia grave ou un problema serio cun neno non hai un pediatra que o atenda", resolveu a representante da plataforma sanitaria, que cualificou o peche do paritorio como "a estocada" a unha fervenza de recortes dentro do centro comarcal e na sanidade pública.
Durante a manifestación participaron representantes de todos as formacións políticas de Verín para demandar que se dote de recursos ao hospital da localidade. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, asegurou que se trata dunha "manifestación histórica" contra unha decisión que tachou de política, e advertiu de que van pedir ante a Fiscalía que a xerencia dea explicacións.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
PSdeG, BNG e En Marea esixiron ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "unha rectificación" á súa política sanitaria, ao considerar "un clamor" as protestas contra "a nefasta política sanitaria", dixo advertiu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou que se manteñan os servizos do hospital para "non prexudicar os dereitos da cidadanía, do rural e das mulleres", tras tachar de "irresponsabilidade política" pechar servizos.
Noa Presas, do BNG, pediu "responsabilidades políticas" ao sinalar que "non se sosteñen eses criterios pseudotécnicos", e apuntou que o problema de fondo é "a incapacidade" da xerencia para atraer pediatras para traballar en Ourense, fronte ao que sucede "no resto de Galicia". Tamén, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, denunciou a falta de medios humanos e o "desmantelamento" do hospital ourensán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.