Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 21:57
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, defendeu este mércores no pleno da Cámara galega o modelo lingüístico da Xunta de Galicia e destacou que o galego é a lingua cooficial que "máis se usa" en España.
Así se pronunciou en resposta a unha pregunta formulada pola deputada nacionalista Olalla Rodil, quen censurou que en Consello de Europa leve "tres informes advertindo á Xunta polo incumprimento das obrigacións" recollidas na Carta Europea das Linguas e pedindo que "respecten e garantan os dereitos lingüísticos dos galegos".
Respecto diso, o conselleiro de Cultura e Turismo, departamento do que depende a Secretaría xeral de Política Lingüística, puxo en dúbida a metodoloxía empregada por estas entidades para obter os seus resultados e referiuse a os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).
O conselleiro destacou que, segundo este organismo, "por primeira vez fréase o descenso de galego falantes" e que hai un "repunte" deste idioma como "lingua habitual". Por iso, asegurou que os efectos do decreto do plurilingüismo posto en marcha pola Xunta son "claros" e é que "hoxe máis que nunca" a sociedade galega ten un "equilibrio" entre as súas linguas. "Hai unha maior porcentaxe que nunca de persoas que falan ou len en galego e un dato que non é menor: o galego é a lingua cooficial que máis se usa en España", apuntou.
En fronte, Olalla Rodil (BNG) destacou que, "en liña" co que tantas veces solicitou o Bloque, o Comité de Europa "reclama a supresión inmediata das limitacións á docencia en galego en todos os niveis educativos".
"Limitacións que o PP impuxo en 2010 dinamitando o consenso lingüístico expresado no Plan Xeral de Normalización de 2004", sostivo Olalla Rodil, que afeou ao PP que sempre "desprece a quen non lle dá a razón" en referencia ás súas palabras sobre a metodoloxía aplicada polo organismo europeo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.